Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/12/2020 | Actualizada ás 17:47
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena de 2 anos e medio de prisión e tres anos de inhabilitación para José Ramón L., secretario interventor do Concello de Fisterra e desestimou o recurso de apelación interposto polo procesado.
Este funcionario municipal foi xulgado por un tribunal de xurado e a Audiencia Provincial da Coruña condenouno, en marzo de 2020, como autor dun delito continuado de falsidade en documento oficial e un delito de malversación de fondos públicos.
Segundo o veredicto do tribunal popular e logo a sentenza condenatoria, o acusado aproveitou a súa condición de secretario municipal para manipular as nóminas e ordes de pago, co fin de obter un beneficio patrimonial inxusto. Así, tramitou o ingreso na súa conta bancaria de diñeiro que non lle correspondía, ata un total de 23.690 euros (dos que devolveu case 6.800 euros).
O procesado presentou recurso de apelación, pero o alto tribunal galego desestimouno, e confirmou a sentenza da Audiencia, sinalando na súa resolución, entre outras cuestións, que "ningunha dúbida ofrece á luz do relato histórico declarado probado polo Xurado" e sostido "na abundante proba de cargo", que "concorren todos e cada un dos elementos que esixe o delito de malversación de caudais públicos".
Así mesmo, o TSXG tamén considerou que "concorren os dous elementos que require a falsidade documental: unha imitación da verdade e que a falsificación se efectúe de tal modo que sexa capaz de enganar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.