Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2020 | Actualizada ás 10:37
O sector servizos galego rexistrou un descenso da súa facturación do 11,3% en outubro respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que a caída interanual da ocupación foi do 3,1%, a pesar dun repunte do 0,3% en relación con setembro, segundo os datos que publica este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE). E a área máis afectada segue sendo a do turismo.
Desta forma, no que vai de ano, o sector acumula en Galicia unha diminución do 14% nas vendas e do 3,6% no volume de postos de traballo. No conxunto estatal, os servizos reduciron a súa facturación un 14% en outubro respecto ao mesmo mes de 2019, ampliando en algo máis dun punto a caída que experimentou en setembro (-12,7%).
Con isto, os servizos encadean oito meses consecutivos de retrocesos interanuais como consecuencia da pandemia e os seus efectos sobre a economía.
SOBRE TODO O RELACIONADO CO TURISMO
Os sectores máis afectados por esta crise continúan sendo os relacionados co turismo. Así, as maiores caídas interanuais da facturación prodúcense nas actividades de axencias de viaxes (-87,3%), servizos de aloxamento (-78,5%) e transporte aéreo (-69,2%).
En termos mensuais e en datos corrixidos de estacionalidade e calendario, o sector servizos rexistrou en outubro un avance mensual da súa facturación do 2,9%, taxa superior á de setembro, cando subiu un 1,7%. É o segundo mes consecutivo no que aumentan as vendas do sector.
Este repunte da facturación mensual débese tanto ao avance das vendas do comercio (+2,5%), como ao aumento rexistrado nos outros servizos, que facturaron en outubro un 3,1% máis que en setembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.