Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2020 | Actualizada ás 16:32
O Sindicato de Traballadores do Ensino Galego (STEG), reuniuse este martes co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira Lema, para abordar a "desastrosa situación" na que a recentemente aprobada Lei Celaá deixaría á Formación Profesional, "tanto no que respecta á calidade do ensino como no tocante á situación laboral dos profesores".
A portavoz e integrante do sindicato, Maica Couto, destacou a "boa disposición" de José Luís Mira, ao que non lle gusta "nada" a nova lei, pero subliñou que a Consellería de Educación ten "moitas limitacións". "A lei é xa un feito, e ata bastante", trasladou Couto.
STEG destacou o "compromiso" que levaron por parte da Xunta de "facer todo o posible" para limitar unha lei "feita de costas á comunidade educativa, só cos axentes laborais e sen a comunidade educativa". "A idea que se repite de que toda Formación Profesional é educación, é mentira. Practicamente sácase á Formación Profesional da educación para ser meramente laboral", explicou Couto.
As principais demandas do sindicato xiran ao redor da situación "inxusta e discriminatoria" na que a Lei Celaá deixa ao corpo docente de profesionais técnicos de formación profesional (PTFP), que se atopa actualmente nun subgrupo profesional inferior, no A2, cando o resto do profesorado de secundaria está no subgrupo A1, o que provoca "diferenzas notables en canto a salario a pesar de desempeñar o mesmo traballo con idénticas funcións e responsabilidades".
O texto da nova lei de educación, pola súa banda, prevé "a integración, no corpo de profesores de ensino secundario, de todos aqueles docentes PTFP que estean en posesión, á entrada en vigor da Lei, do título de Grao ou equivalente". Aqueles que non dispoñan del, "permanecerán no corpo a extinguir de profesores técnicos de FP", para os que, segundo indicou o sindicato, "non se expuxo ningunha saída".
Unha situación que o STEG cualificou este martes de "ERTE encuberto". Segundo datos do sindicato, 1.443 persoas poderían ver afectadas as súas condicións laborais coa entrada en vigor da nova norma. Por iso, pediron que as persoas funcionarias de carreira pertencentes ao corpo de PTFP coas titulacións previstas ou con aquelas que se habiliten como equivalentes, sexan "asimiladas automaticamente" ao corpo de profesorado de Secundaria.
O sindicato tamén se referiu a a situación "precaria" que viven os profesores interinos e ao papel "desprezado" do profesor especialista, que pretende "eliminarse" coa nova lei. A este respecto, Maica Couto incidiu en que serán as comunidades autónomas as que lexislen este aspecto, así que será nese punto onde "se poderá dar máis guerra".
Doutra banda, o STEG reclamou unha maior implicación tanto doutros sindicatos --aos que lles afearon non convocar ningunha reunión-- como de responsables dos centros de ensino, xa que "esta situación afecta a todo o colectivo docente de profesores técnicos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.