Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2021 | Actualizada ás 13:23
O vicepresidente primeiro da Xunta e responsable da área de Turismo, Alfonso Rueda, aplaudiu este luns a decisión do Papa de ampliar ata final de 2022 o Ano Santo, unha opción coa que hai "o dobre de tempo e o dobre de oportunidades" para aproveitalo e ante o que volveu a pedir a implicación do Estado.
A preguntas dos medios, Rueda lembrou que, incuso antes da ampliación, había "bastantes razóns para que o Estado investise economicamente" nesta efeméride, que é "o acontecemento turístico máis importante" do ano e que, ademais, afecta a varias comunidades autónomas. Agora, coñecendo a ampliación, a Xunta "volve facer esa chamada de atención ao Estado" para que estableza "un compromiso específico cunha dotación económica".
Sobre a folla de ruta do Goberno galego, Alfonso Rueda admitiu que sempre tiveron en mente "unha década xacobea". "Agora que coñecemos esta magnífica noticia, o que temos que facer é redobrar esforzos", explicou. Para iso, planificarase "con intelixencia" e tendo en conta que durante os próximos meses "a mobilidade vai estar complicada". No entanto, confiou en poder "facer moitas máis cousas": "Temos o dobre de tempo, temos o dobre de oportunidades", resolveu.
"ACTOS MASIVOS"
Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou por un Ano Santo 2021 de corte máis "nacional", coas limitacións de mobilidade, así como un 2022 no que os peregrinos internacionais cheguen coa fluidez habitual. Nunha entrevista na Cadea Cope, Feijóo explicou que a inmunización contra a covid-19 e a recuperación dos "actos masivos" será "un feito determinante para recuperar os 10 millóns de persoas" que Galicia confía en atraer co Xacobeo, "quizais máis no 22".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.