Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 09:30
As brigadas deseucaliptizadoras de Galicia volven á carga. Logo dunha fin de semana implicadas na reforestación autóctona no sur da comunidade, é a quenda do norte. Brigadas convocadas por Verdegaia teñen previsto actuar o vindeiro día 23 sobre "unha das comarcas máis castigadas polo eucalipto". Trátase, en concreto, do lugar de Formigueiro, situado entre Cedeira e Santo André de Teixido.
O obxectivo da xornada será, coma sempre, impulsar a plantación de especies propias de Galicia para recuperar o bosque autóctono e gañar terreo a esas variedades alóctonas que deturpan e empobrecen o solo galego. A loita comezará así cunha limpeza do terreo para "retirar a ramallada que quedo trala corta do eucalipto de hai un ano", tralo cal se procederá a "machacar os rebrotes".
Esta derradeira tarefa implicará o emprego de maquinaria perigosa, a cargo de operarios concretos. Dende Verdegaia lembran a necesidade de que "cada quen traía as súas propias luvas de traballo e máscara". "O machado", subliñan "tamén será de utilidade, polo que aínda que a organización pode prestar varios agradécese a quen dispoña dun propio que o traia". As incripcións para participar na xornada están abertas ata o día 20 e as instrucións para ser incluído atópanse na web.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.