A lei de impulso demográfico de Galicia, unha norma que chega sen consenso

O futuro texto inclúe que se promoverán axudas para a conciliación en pandemias e obriga a un plan de familias monoparentais no prazo dun ano.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/01/2021 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

A futura lei de impulso demográfico quedou lista para a súa aprobación definitiva no pleno da Cámara tras incorporar medio cento de cambios coa incorporación de emendas do PPdeG (sete), PSdeG (22) e BNG (oito), ás que hai que sumar 15 acordos entre os grupos (transaccións).

Comisión de Política Social, debate da lei de demografía de Galicia
Comisión de Política Social, debate da lei de demografía de Galicia | Fonte: Europa Press.

No debate final en comisión, a deputada popular Raquel Arias lamentou o que considerou unha postura de "oportunismo político" dos grupos da oposición, despois de que se aceptase o 45 por cento das emendas presentadas e dado que, indicou, as emendas do PSdeG (101) só afectaban á metade da lei, suxerindo así que co resto da normativa si estaban de acordo.

Tanto a deputada do BNG Olalla Rodil, como a socialista Carmen Rodríguez, expresaron a súa postura contraria ao ditame final posto que, ao seu xuízo, non se cambia o "fondo" do proxecto lexislativo que chegou ao Parlamento.

Olalla Rodil botou en cara, ademais, á deputada popular que lles afeou querer cambiar o concepto de "familia" polo de "fogar", un debate "ideolóxico", reprobou a deputada do BNG, que quixo dar no relatorio e ao que os populares non responderon nin contrastaron opinións cos nacionalistas.

Máis aló das discrepancias, os socialistas si apoiaron as emendas que presentaron os populares ao texto lexislativo, fronte ao voto en contra do BNG. O resto das emendas e transaccións contaron co apoio do tres grupos e o ditame final que chega a pleno, co si do PP e o non de BNG e PSdeG.

CAMBIOS DA LEI

Precisamente, a través das modificacións a proposta dos populares, o futuro texto lexislativo recolle que a Xunta deberá "promover recursos de conciliación para atender as novas necesidades de conciliación derivadas de situacións epidemiolóxicas de carácter extraordinario", tanto para o coidado de menores como de maiores.

Cabe lembrar que o texto orixinal fora presentado hai un ano na Cámara, antes da pandemia, e foi remitido de novo esta lexislatura ao Parlamento, o que significou que as incorporacións vinculadas a situacións epidemiolóxicas como a do coronavirus foron incorporadas agora no trámite parlamentario.

A través das sete emendas dos populares tamén se incorporará á normativa un apartado coa definición das políticas prioritarias para o impulso demográfico.

Serán políticas que faciliten a emancipación da mocidade, conciliación e corresponsabilidade; políticas que apostan decididamente pola diversificación económica no medio rural, redución de trabas burocráticas para establecemento de iniciativas empresariais e garantía de acceso adecuado aos servizos para a poboación e as empresas que se establezan nel; e políticas específicas para a capacitación dixital de toda a poboación do medio rural que lle permitan estudar, traballar, comunicar, atender as súas necesidades básicas e superar o illamento.

Ademais, a través desta lei, tamén se lexisla sobre a asistencia sanitaria á reprodución no seu artigo 42. Este punto da lei sinala que a Administración autonómica "adoptará, de maneira progresiva, medidas tendentes a que as persoas que necesiten reprodución asistida como medio para ter descendencia, poidan dispor de asistencia sanitaria e dos medios precisos para tal fin".

FAMILIAS NUMEROSAS E MONOPARENTAIS

A lei que impulsa o departamento que dirixe Fabiola García establece algunhas cuestións con respecto ás familias numerosas, como a intención de bonificar peaxes de estradas autonómicas. Ademais, e tras o acordo dos grupos, inclúe agora as cuestións referidas ás familias monoparentais no seu articulado.

De feito, este é un dos acordos do tres grupos con achegas das tres formacións. Concretamente, desde a entrada en vigor do documento, que poderá ser nas próximas semanas, en canto vexa luz verde definitiva no pleno da Cámara, a Xunta deberá elaborar, no prazo dun ano, un "plan de apoio ás familias monoparentais, coa finalidade de mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades".

Neste plan, sinala o acordo incorporado ao futuro texto, "promoverase, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o desenvolvemento de medidas específicas por parte das administracións locais".

No prazo de seis meses, polo que este mesmo ano 2021 --agás un atraso que tería que ir máis aló do xuño na publicación da normativa--, a Xunta terá a obriga de crear o Rexistro de Familias Monoparentais Galegas, un mandato que provén da nova redacción dada ao artigo 13 da lei 3/2011, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Ademais, os cambios tamén servirán para modificar a definición de familias monoparentais, de forma que se actualiza á "realidade" actual fronte á que había en 2011.

Desta maneira, enténdese por familias monoparentais aquelas en que homes ou mulleres afrontan a paternidade ou maternidade en solitario ou aquelas formadas por un só cónxuxe viúvo e os fillos. Tamén nos casos nos que non haxa custodia compartida e os fillos queden a cargo da nai ou pai.

VULNERABILIDADE ECONÓMICA E VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

As modificacións desta lei son máis amplas e tamén, a través da lei de impulso demográfico, amplíanse os tipos de familias considerados de especial protección.

Así, a lei de familia, a partir de agora, tamén estende esta consideración especial ás familias de "especial vulnerabilidade económica" e as familias "vítimas de violencia de xénero".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta