Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 13:50
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, rexeitou este mércores que Endesa anuncie "de forma unilateral" a súa decisión de pechar a planta das Pontes sen acordar nin coas administracións implicadas nin co persoal de traballadores. Tras anos de "comportamento errático" da empresa en Ferrolterra, como denunciou, agora rexeita seguir analizando a opción dos biocombustibles, ou calquera outra fórmula de produción baseada en fontes enerxéticas sustentables, e opta polo peche inmediato.
"Todos temos claro que o carbón non é o futuro, pero hai que buscar outras vías para manter o emprego na comarca ferrolá", recalcou o dirixente socialista, que criticou a forma de proceder de Endesa e o seu rexeitamento a explorar "as posibilidades de reconversión e de transición xusta".
Nun comunicado remitido aos medios, Gonzalo Cabalero considera que "non se pode consentir este comportamento nunha empresa que fixo negocio no territorio galego". "Onde está a súa responsabilidade social corporativa?", preguntou o socialista, que pediu que se reúna a Mesa das Pontes e que Endesa sente co Estado, a Xunta, o Concello e os traballadores para perfilar e acordar unha transición ecolóxica xusta.
BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu á Xunta e ao Goberno central poñerse "a traballar xa" para que haxa "alternativas viables" para a central térmica das Pontes ante un peche que cualificou de "inaceptable". A preguntas dos xornalistas, cualificou como un "xerro de auga fría" para As Pontes e para Galicia a decisión de Endesa, da que dixo que "non pode pretender espremer os recursos económicos que ten Galicia e logo dun día para outro deixar tirada a toda unha comarca".
Ante unha decisión "inaceptable", manifestou tamén que "nin Xunta nin Goberno central poden seguir bailando ao son que marca esta empresa". "Non se pode aceptar o peche mentres non haxa alternativas viables". Por outra banda, asegurou que "isto non é unha transición enerxética". "É unha reconversión industrial que non podemos aceptar" e da que dixo que se fai "coa complicidade de PP e PSOE". "Xa está ben de que Galicia sexa a pagadora en todos os procesos de cambio, non podemos permitir este espolio do país", apostilou.
DEPUTADOS NO CONGRESO
Mentres, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou ao Executivo central a dar "unha solución industrial alternativa de forma urxente" e impedir que o peche "sexa antes de garantir un futuro económico e industrial de toda a comarca de Ferrol". Así mesmo, o deputado solicita convocar de forma inmediante a 'Mesa das Pontes' para analizar o informe da empresa e medidas que garantan a actividade industrial.
Á súa vez o deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino esixe á empresa que sexa "transparente" cos traballadores e coas administracións. "E faga pública toda a documentación das probas", engade. Ademais, considera necesario "un maior control por parte do Estado para evitar os abusos dun oligopolio que só beneficia ás eléctricas".
ALCALDE DAS PONTES
O alcalde das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso (PSOE), asegurou que a intención de Endesa de pechar a central térmica desta localidade "non os colle por sorpresa" e acusa á empresa, cuxo informe ve "cheo de falsidades", de "non querer realizar unhas probas que ao final tivo que facer pola presión do Goberno central, da Xunta, do Concello e da cidadanía".
"Durante un ano percibimos multitude de sinais por parte da empresa de que nos estaba tratando de tomar o pelo", afirmou González Formoso, que sostén que "non quería deixar chegar a unha porción importante de substitución do carbón por biocombustibles, ademais do traslado do persoal a outros centros de traballo antes de saber se a central era viable ou non". "Co cal todo isto non nos colle por sorpresa", incide.
O rexedor socialista, que entende que unha "empresa privada tome as súas decisións" aínda que "non as comparta", criticou que tente "enganar á sociedade á que tanto debe". "Non é necesario enganar á sociedade cun informe cheo de falsidades que o único fai é enfadar a todas as administracións e á propia sociedade, que percibe desde hai tempo que o compromiso de Endesa coas Pontes e con Galicia resúmese a un futuro plan eólico de centos parques que estarán nas proximidades do lugar onde está a facer tanto dano", sostivo.
GALIZA, UN FUTURO SEN CARBÓN
Desde a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' celebran a decisión de peche da planta como "un enorme éxito na loita contra a emerxencia climática global". "Confirmada a inviabilidade da falsa solución da co-combustión de carbón e residuos, agora é necesario centrar por fin os esforzos na implementación dun convenio de transición xusta que non esqueza tampouco a transportistas do carbón e traballadores das industrias auxiliares", remarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.