Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 18:38
Alcaldes, asociacións de empresarios e centrais sindicais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal comprometéronse a demandar dos gobernos central e autonómico a súa "involucración directa na busca de solucións á difícil situación que atravesa a industria" nestas tres comarcas.
Este compromiso saíu dun encontro telemático convocado polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE) e no que se deron cita os rexedores das Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume, e Valdoviño, representantes dos sindicatos CIG e CCOO, así como os presidentes da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, Asociación de Empresarios de Ferrolterra e AJE Ferrolterra.
Todos eles acordaron convocar ao Goberno da Xunta e ao central "á mesa de traballo que se vai a constituír proximamente coa participación tanto dos representantes políticos, empresariais e sindicais".
Entre as demandas que exporán destacan "a resposta urxente á necesidade de carga de traballo en Navantia, en tanto non dea comezo o programa das fragatas F-110", e a procura de "alternativas ao peche da planta de Siemens Gamesa nas Somozas e de Endesa nas Pontes".
No referido ao sector enerxético, esixen que "se garantan os postos de traballo mediante unha transición ecolóxica xusta, que implique que as poxas sobre renovables que se poñan en marcha se vinculen ao desenvolvemento de proxectos industriais locais, en Galicia".
Por último, os participantes mostraron o seu apoio "unánime" ás mobilizacións en defensa dos postos de traballo, e de maneira expresa á folga convocada para o próximo 25 de febreiro.
PLANTÓN DO BNG
Por outra banda, os tres alcaldes que ten o BNG en Ferrolterra, nos concellos de Fene, Moeche e San Sandurniño, declinaron participar neste encontro, debido ás "continuas modificacións na fórmula da convocatoria, así como no número de participantes".
Apuntaron que "o PSOE, co alcalde de Ferrol á cabeza, parece estar máis preocupado na forma en que se faga a reunión e na convocatoria de medios de comunicación, que no tema que se vai a tratar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.