A lei de impulso demográfico queda aprobada no Parlamento co 'non' da oposición, que ve falta de "compromiso real"

Esta norma inclúe medidas que inciden na emancipación da mocidade, na conciliación, na redución de trabas burocráticas para establecer iniciativas empresariais e na capacitación dixital da poboación do rural.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este martes de maneira definitiva a lei de impulso demográfico cos únicos votos a favor da maioría absoluta do PPdeG. A oposición, composta por BNG e PSdeG, non avalou o texto por consideralo "natalista" e por ver unha falta de "compromiso real" e de "transversalidade" nas súas políticas.

Outro dos principais argumentos de nacionalistas e socialistas para dar o seu 'non' a esta norma foi unha ausencia de "consenso" durante o seu trámite parlamentario, finalizado este martes co debate en pleno do ditame da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

Esta lei de impulso demográfico, que a Xunta sempre defendeu como "pioneira" en España e en Europa, quedou aprobada finalmente tras incorporar medio centenar de cambios con emendas do PPdeG (7), PSdeG (22) e BNG (8), ás que hai que sumar 15 acordos entre os grupos (transaccións). Con todo, as emendas presentadas ao pleno deste martes pola oposición foron rexeitadas.

Dáse a casualidade de que o debate desta norma celebrouse o mesmo día en que o Instituto Nacional de Estatística (IGE) publicou un informe que recolle que Galicia, no primeiro semestre de 2020, rexistrou 16.518 mortes e 7.562 nacementos, o que dá un saldo vexetativo negativo de 8.956 persoas. Isto implica, así mesmo, que a Comunidade agudiza os seus malos datos respecto ao mesmo período de 2019 (-8.456).

A lei que buscará reverter esta situación, coa previsión de entrar en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe medidas que inciden na emancipación da mocidade, na conciliación, na redución de trabas burocráticas para establecer iniciativas empresariais e na capacitación dixital da poboación do rural.


BNG: "NON É UN ACORDO DE PAÍS"

No pleno deste martes, a deputada do BNG Olalla Rodil criticou que esta non será unha "lei de consenso" e dirixiuse á bancada dos populares para advertirlles: "Esta é a súa lei, teñen 42 escanos. Sáquena adiante, como os orzamentos e outros tantos textos legais, pero non é unha lei de consenso nin un acordo de país".

Ademais, dixo que está "cheo de vaguedades e xeneralidades" --nun ditame, o Consello Económico e Social (CES) requiriu máis concreción en varios artigos--, sen un "obxectivo firme" nin "prazos concretos" e que "insisten en políticas" antigas da Xunta que "van levar ao mesmo resultado".

PSDEG: É "NATALISTA"

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Marina Ortega coincide en denominar o texto de "natalista" e sen "compromiso real", porque non "blinda" servizos en educación e sanidade. "De que nos serve un cheque infantil se logo non temos pediatra para levar ao noso fillo?", preguntouse.

E é que a socialista dixo "non entender" como a Xunta pode presentar unha lei de impulso demográfico mentres "recorta" nos seus orzamentos do 2021 --aprobados definitivamente este martes-- a partida específica dedicada á área de mocidade e para fixar poboación, ademais de "pechar escolas rurais" e "reprender" ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, que hai un ano encabezou as protestas contra o peche do paritorio.

O PP NEGA A FALTA DE CONSENSO

Fronte a todas as críticas da oposición, a deputada popular Raquel Arias desmentiu que a nova norma saia adiante sen consenso. "Non houbo o 100 por 100 de acordo, pero iso non quere dicir que non haxa un traballo en común e non se escoitase as súas achegas, que por certo melloran a lei", asegurou, dirixíndose a BNG e PSdeG.

De feito, destacou que o PPdeG "aceptou o 34 por cento das emendas" da oposición. "E agora parece que esta lei non vai con vostedes", afeoulles Arias, quen ademais valorou que o popular foi "o único" grupo que presentou modificacións para "adaptala" á situación de pandemia, xa que o texto entrou na Cámara antes da actual crise sanitaria.

"O FINAL DUN CAMIÑO E O INICIO DOUTRO"

Ao finalizar o debate dos grupos, pediu a palabra a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen celebrou que a aprobación desta lei supón "o final dun camiño" iniciado fai tres anos e "o inicio doutro aínda máis longo e esperanzador".

"Hoxe, Galicia empeza un novo camiño", recalcou, para seguidamente asegurar que esta norma non só permite "blindar políticas demográficas" que se puxeron en marcha "moitas delas nos últimos anos", senón que tamén é "un instrumento deseñado con ánimo de perdurar" para as próximas décadas e gobernos.

Parlamento galego
Parlamento galego | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nin "puto caso" fixeron da nosa iniciativa, será que todos tiñan mellores ideas... https://twitter.com/00Gamela/status...