Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 13:44
A xestión dos montes galegos volven xerar críticas contra a Xunta de Galicia. Desta vez é a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) que vén de cargar contra o novo plan forestal elaborado polo Goberno autonómico. Segundo destaca a plataforma, a Xunta de Feijóo pretende valerse deste plan para “afondar na eliminación do carácter comunal dos montes”, é dicir, “abrir a porta a privatización dos montes veciñais”.
A hipotética perda deste trazo tan típico e representativo da vida da aldea galega é suficiente para que a ORGACCMM amose o seu “reixeitamento” a un plan anunciado no pasado mes de novembro. Outro dos puntos máis ferventemente criticados do novo plan da Xunta é o relativo á dimensión do eucalipto sobre os montes galegos. A Xunta anunciou unha redución do 5% da superficie desta especie invasora, pero na Organización alertan de que a medida ten truco.
Por un lado, o anuncio da Xunta de Galicia contempla ata o ano 2040 para desenvolver esta redución. Á parte, explican dende ORGACCMM, tal diminución partiría dunha grande ampliación previa, xa que a redución ten lugar “en referencia ao aumento do 50% dende o primeiro plan forestal de Galicia”, explican. Por todo iso, consideran que se trata dun plan “antidemocrático” xa que a Xunta, din as mesmas fontes, non permitiu que estivera representado “todo o sector”.
"BENEFICIA ÁS GRANDES EMPRESAS"
“Deixaron fóra do diálogo a todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural que non formasen parte do consello forestal de Galicia”, explican nun comunicado dende a ORGACCMM. Esta suposta falta de pluralidade tería moito que ver con que, din as mesmas fontes, o plan “beneficie ás grandes empresas en detrimento das comunidades de montes”. “Unha vez máis, déixase en mans das empresas madeireiras e forestais a ordenación dos usos do monte”, apuntan.
Ante estas circunstancias, a Organización Galega de Comunidades de Montes chama aos partidos da oposición a se mobilizar no Parlamento Galego para tentar corrixir esa denunciada falta de pluralidade e facer chegar á Cámara a vontade das comunidades de montes. O plan enfronta esta semana o período no que os distintos grupos da cámara poderán achegar propostas para modificar un plan que, en calquera caso, se prevé cargado de polémica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.