Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 18:37
A Comisión Galega de Control da Violencia impuxo unha sanción de 600 euros de multa e a prohibición de acceder por un período de seis meses a calquera recinto deportivo a unha persoa que proferiu insultos contra o colexiado que arbitraba un partido de fútbol en categoría xuvenil en Velle (Ourense) entre o club local e o Seixalbo.
A resolución saíu da reunión celebrada por este órgano na xornada deste xoves, que tamén impuxo unha sanción doutros 600 euros para un espectador do I Rali Mariña Lucense que incumpriu as medidas de seguridade ao acceder co seu vehículo a un tramo de estrada restrinxido ao tráfico.
Así mesmo, un total de 28 espectadores foron denunciados por cruzar polo percorrido polo que transcorría un tramo cronometrado da última edición do Rali de Ferrol. A comisión estima que este comportamento "puxo en grave risco a súa integridade e a dos deportistas participantes".
Ademais, outro tres espectadores tamén foron propostos para sanción, neste caso, por invadir a Avenida San Rosendo mentres discorría a décimoquinta da Volta Ciclista a España que uniu Mos e Poboa de Sanabria.
Tanto o caso do Rali de Ferrol como da Volta serán remitidos á Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.