Piden a dimisión inmediata da alcaldesa popular de Boimorto por vacinarse contra a COVID-19

A súa xustificación é que e non lle puñan a vacina "había que tirala".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A oposición galega esixe a dimisión inmediata da alcaldesa de Boimorto, a popular María Jesús Novo, despois de transcender este xoves que a rexedora se vacinou contra a COVID-19 na residencia municipal tras ser incluída na listaxe.

Fontes da Consellería de Sanidade aseguraron que a Xunta se atopa estudando o caso e "comprobando a listaxe que mandou a residencia" á administración. A polémica xurdiu por mor dunhas declaracións da alcaldesa publicadas por 'Eldiario.es', nas que Novo xustificou a vacinación en que polo seu cargo é "persoal da residencia". "Teño unha relación laboral porque vou todos os días por alí", sinalou, para despois engadir que se non lla puñan a ela "había que tirala".

O BNG rexistrou unha iniciativa na Cámara galega para pedir explicacións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre un feito que cualifican de "moi grave e inxustificable". Nun comunicado, o deputado Xosé Luís Rivas 'Mini' lembra que o propio líder 'popular' declarou durante a sesión plenaria de que non había un só alcalde do seu partido vacinado sen dereito.

Do mesmo xeito, o socialista Pablo Arangüena insistiu en que Feijóo debe "resolver esta situación" e saír a dar explicacións por esta vacinación "irregular". "Que tome medidas xa por exemplaridade e xustiza social", reclamou, para apelar a que o presidente galego debe tomar cartas no asunto "antes" do seu encontro co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Finalmente Antón Gómez Reino, de Galicia En Común, esixiu tamén a dimisión inmediata da rexedora por usar o seu cargo público para "pasar por diante da xente maior" e do persoal sanitario "que leva meses en primeira fila loitando contra o virus".

María Jesús Novo, á esquerda, rexedora do PP de Boimorto
María Jesús Novo, á esquerda, rexedora do PP de Boimorto | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta