Condenado a 17 anos de prisión por maltratar e abusar da súa moza de 15 anos

O home revisaba o móbil da menor e tiña controlada as súas redes sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a 17 anos de cárcere a un home que, en 2017, cando tiña 20 anos, maltratou de forma habitual e abusou sexualmente da súa compañeira sentimental, quen entón tiña 15 anos. Ademais, foi condenado por facilitar á menor o consumo de droga.

Os maxistrados rexeitaron o recurso presentado polo sospeitoso, pois aseguran que "se encamiña a mostrar a súa discrepancia respecto da valoración probatoria de instancia, pero sen nin tan sequera denunciar a existencia de erro valorativo algún". Así mesmo, os xuíces destacan que quedou acreditado no xuízo que someteu á adolescente a "situacións de violencia física e psíquica".

O tribunal subliña que na vista, en setembro de 2020, "a culpabilidade do acusado quedou establecida máis aló de toda dúbida razoable", indicando que a sentenza apelada é "exhaustiva, minuciosa e extremadamente fundada".

O TSXG considera acreditado, do mesmo xeito que a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, que o procesado, "con ánimo de menoscabar a integridade física e psíquica da súa parella", exerceu "un control e manipulación sobre ela que se manifestou en múltiples aspectos da súa vida".

O condenado, segundo a resolución, revisaba o móbil da menor e esixíalle que lle comunicase en todo momento onde se atopaba, así como que se gravase durante horas ou efectuase videochamadas para asegurarse de que non lle mentía. Ademais, cambiou os contrasinais das súas redes sociais e instalou no seu terminal telefónico unha aplicación que servía para bloquear o acceso a outras, "limitando e controlando así os seus contactos con terceiros".

Na resolución de primeira instancia tamén se considera acreditado que o procesado impedíalle usar roupa axustada e que a obrigaba a permanecer encerrada nos aseos durante os recreos do seu centro escolar e gravarse para evitar que tivese contacto cos seus compañeiros.

Xuízo
Xuízo | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta