Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 20:26
O novo Plan Forestal que está a impulsar a Xunta de Galicia segue xerando críticas da man dos propietarios de montes da Comunidade. Logo das denuncias de que o plan pretendía abrir a porta á "privatización" dos montes comunais, a Organización Galega de Comunidades de Montes vén de denunciar que o Plan, tal e como está redactado, podería manter a "fiscalidade inxusta" que, din, padecen as comunidades de montes galegas.
A problemática que denuncian os propietarios de montes é que, de acordo cun estudo realizado por varias universidades e centros --entre ela a USC-- as comunidades de montes están sometidas a modelo fiscal "dobre", xa que se ven obrigados a tributar tamén como suxeiros pasivos do imposto sobre sociedades. Dende a organización consideran que esta fiscalidade queda revestida de "inxustiza" xa que, explican, "o monte veciñal non é unha sociedade mercantil".
Neste aspecto, dende a ORGACCMM reclaman "retirar os montes veciñais da categoría de suxeitos pasivos no imposto sobre sociedades" para despois "elaborar unha fiscalidade para os montes veciñais". En liñas paralelas, demandan "unha fiscalidade feita en Galiza" que sexa desenvolta "tendo en conta a singularidade e as funcions sociais que cumplen os montes veciñais en mán común".
Para chegar a esta hipotética nova fiscalidade, os propietarios de montes veciñais apuntan directamente ao Parlamento de Galicia para que lle poña fin a unha fiscalidade que, din, "lastra a xestión dos montes veciñais". As esperanzas dos propietarios quedan así postas nos grupos da oposición e as enmendas que preparen, xa que, segundo destacan, o PP xa votou en contra desta redución fiscal noutras ocasións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.