Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 05/02/2021 | Actualizada ás 17:22
O expresidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a exalcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, foron condenados a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza considera probado que cometeron irregularidades para outorgar 86.311 euros a unha construtora para compensala por un sobrecusto nas obras do campo de fútbol de Moraña. Por estes feitos, os acusados foron xulgados o pasado mes de novembro de 2020.
En concreto, nunha sentenza con data deste venres, o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condena a dous anos de cárcere ao que fora presidente da Deputación co PP --formación da que pediu a baixa en 2016-- por conceder unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras neste campo de fútbol "que xa estaban, na súa maior parte, executadas con anterioridade".
Louzán, que foi considerado culpable dun delito de prevaricación en concurso con outro de fraude, tamén foi inhabilitado para emprego ou cargo público durante oito anos.
Así mesmo, a maxistrada condenou a outros dous anos de cárcere e a oito de inhabilitación para emprego ou cargo público, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación e autores dun delito de fraude, á exalcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e ao entón director de Infraestruturas da institución provincial.
Á mesma pena de prisión --dous anos-- foi sentenciado o administrador e un empregado público da adxudicataria do proxecto, así como o arquitecto que o asinou, quen tamén foi inhabilitado para obter subvencións e axudas públicas durante catro anos.
A maxistrada, ademais, ditamina un ano de prisión e a dúas de inhabilitación para obter axudas públicas a cada un dos donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade, sabendo que se trataba dun "mero trámite" para adxudicar a obra a unha determinada empresa.
INSTALACIÓN DE HERBA ARTIFICIAL
A xuíza considera probado que a construtora, á que a Deputación adxudicou en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas, aumentou o seu custo en 86.816 debido a unha certificación.
Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía exceder o importe subvencionado polo que, segundo a sentenza, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba".
A maxistrada destaca que, para facer fronte a ese pago, en 2013, co acordo do presidente da Deputación, o director de Infraestruturas, o administrador da empresa, a alcaldesa de Moraña e un arquitecto, adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, concretamente, as melloras no vestiario e as bancadas do campo, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.
Así, unha vez denegada a posibilidade de aumentar o custo das obras iniciais, a xuíza sinala que "se buscaron alternativas para pagar esa certificación creándose o proxecto de mellora en vestiarios e bancadas do campo de fútbol".
"Tal conclusión alcánzase da audición de escoitas practicada no plenario e a documentación obrante en autos", destaca a maxistrada, á vez que sinala que o entón presidente da Deputación "sabía de primeira man, por visitar o campo con motivo do anterior proxecto tamén subvencionado pola Deputación, que canto menos a maioría das obras para as que aprobou unha nova subvención xa estaban executadas".
Esa conduta, conforme apunta a xuíza, "evidencia unha vontade manifesta en contra da legalidade, sabendo que a subvención que concede é claramente arbitraria e contraria a dereito".
En canto aos condenados como cooperadores necesarios, explica na sentenza que a alcaldesa de Moraña pediu a axuda á Deputación "a propósito de que as obras para as que a solicitaba, canto menos a maior parte, xa estaban executadas" e o arquitecto "limitouse a asinar o proxecto e certificacións".
Pola súa banda, sobre o director de infraestruturas da Deputación, a xuíza sostén que "buscou o encaixe da operación, indicando mesmo a que arquitecto como asinante do proxecto debían acudir". E, finalmente, o administrador da empresa adxudicataria interveu como "beneficiario da subvención", así como un dos seus empregados, que foi quen executou ou mandou executar as actividades necesarias para culminar o proxecto".
A maxistrada ordena na resolución o comiso da cantidade cobrada pola empresa con motivo do proxecto de mellora das bancadas e vestiarios do campo de fútbol (86.311 euros), así como da cantidade cobrada polo arquitecto. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpor recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra no prazo de dez días.
OPERACIÓN PATOS
A investigación sobre este asunto foi un das múltiples frontes abertas por mor da Operación Patos, das que só chegaron a xuízo, ademais deste asunto relativo ás obras do campo de fútbol de Moraña, tres pezas: unha relativa a obras en Nigrán, que se saldou cun acordo de conformidade; outra pola adxudicación dunha obra no Porto de Vigo (na que tanto o xerente de Eiriña como os outros acusados foron absoltos); e o caso de suposto suborno mediante o pago de servizos de prostitución, cuxo xuízo foi suspendido e aprazado ata mediados de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.