Acusan á Xunta de "apoiar o lobby da caza" polas súas críticas á protección do lobo ibérico

Verdegaia asegura que os ataques do lobo ao gando son "raros" e que a caza deste animal resulta "innecesaria e contraproducente".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Continúa a polémica no tocante á catalogación do lobo como especie protexida con respecto á caza. Poucos días despois de que o Goberno de España anunciara a prohibición de abater estes animais en todo o territorio, a Xunta de Galicia cargou contra esta medida protectora, argüíndo que prefería manter competencias sobre a poboación do lobo e que o nivel de protección de tal especie era suficiente. 

Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, na Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibe. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, na Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibe. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Non se fixo agardar a resposta do movemento ecoloxista galego, que nos últimos meses vén de apuntar á Xunta en reiteradas ocasións pola súa suposta proximidade co que chaman o "lobby da caza". Neste aspecto, a plataforma Verdegaia vén de cargar contra a actitude manifestada polo Goberno galego nos termos seguintes: "rexeitamos a defensa da caza como medida de controlar a poboación do lobo", apuntan.

Para a asociación verde, a protesta da Xunta contra o anuncio do Goberno central non é senón un xesto máis de "apoio explícito" ao "lobby  de cazadores". Segundo destacan dende a plataforma, as críticas e xustificación do ente autonómico "non se corresponden cunha alarma social nin cunha incidencia grave de ataques de lobos á gandaría". No tocante á incidencia do lobo sobre as poboacións gandeiras, Verdegaia aposta polas compensacións económicas no canto de reducir a poboación dos lobos. Con todo, destacan, os ataques producidos por estes animais son máis ben "raros".

UNHA "XOIA" DA FAUNA GALEGA

"O lobo é unha xoia da nosa fauna, un depredador apical que, ademais de regular eficazmente as poboacións de ungulados silvestres e mesodepredadores, é capaz de autorregular as súas propias poboacións, incluso nos hábitats máis degradados", explican dende a plataforma. "O seu control letal para evitar ataques ao gando é, por tanto, innecesario, ineficaz e contraproducente ao desintegrar manadas ben estruturadas que se alimentaban, sobre todo, de medianos e grandes ungulados silvestres" engaden.

Dende o movemento ecoloxista, de feito, apuntan á man do home como eido no que deberían ter lugar cambios de actitude, e non no lobo. "A gandaría extensiva debe desenvolver a súa actividade económica sempre desde o respecto total e absoluto ao medio ambiente, é dicir, a todas as especies silvestres de fauna e flora que habitan as súas zonas de pastoreo", subliñan. Neste aspecto, dende Verdegaia inciden na importancia de que as explotacións gandeiras se impliquen na "protección da biodiversidade, potenciando os servizos ecosistémicos e conservando os hábitats e as paisaxes, tal e como implica cumprir cos compromisos ambientais aos que obriga a PAC".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xos

Eu non sei do tema, pero hai outras opinións que hai que ler https://praza.gal/opinion/lobos-can...

1 Manda carallo

Son moitos votos 40.000 cazadores.