Aviso: o uso do móbil en ambientes contaminados incrementa a toxicidade das células

A exposición prolongada ou a longo prazo a certas fontes electromagnéticas constitúe un factor de risco para certos tipos de cancro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A exposición combinada a unha fonte de radiofrecuencia de 2.45 GHz en ambientes contaminados con partículas como o carbón negro, incrementa notablemente a toxicidade celular, provocando modificacións na resposta inmune das células. Esta é a principal conclusión á que chegaron científicos da USC no Centro Singular  CRETUS, en colaboración co Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IIAQBUS), no artigo ‘Radiofrequency at 2.45 GHz increases toxicity, pro-inflammatory and pre-apoptotic activity caused by black carbon in the RAW 264.7 macrophage cell line’, publicado na revista Science of The Total Environment.

Redes sociais, móbil, teléfonos e Internet... un cóctel explosivo
Redes sociais, móbil, teléfonos e Internet... un cóctel explosivo | Fonte: JCCM - Archivo

“A confluencia destes dous axentes ambientais nos ensaios de laboratorio podería constituír un escenario real, xa que ambos os dous poden aparecer perfectamente en espazos públicos abertos como parques, por exemplo”, sinalan os científicos. “Os efectos na saúde humana ao respirar unha calidade deficiente de aire debida á suspensión de partículas  contaminantes e á exposición, ao mesmo tempo, a fontes de radiofrecuencia a 2.45GHz, como as que estarían presentes nunha rede sen fíos Wifi ou as que virían representadas por dispositivos como os teléfonos móbiles son ata o de agora descoñecidos”, apuntan os investigadores.

Na actualidade son moi escasos os estudos que analizan o efecto combinado de dous axentes ambientais de distinta natureza. De feito, tal e como constatan os autores da investigación, a maioría dos estudos sobre saúde humana que involucran a radiación non ionizante e as partículas ambientais fano por separado. A particularidade desta investigación na que participan  Mª Elena López do departamento de Ciencias Morfolóxicas; Aarón A. Salas ,  J. Antonio Rodríguez  e  Francisco J. Ares do departamento de Física Aplicada; así como Rosa A. Sueiro e  J. Manuel Leiro do Departamento de  Microbioloxía e  parasitoloxía, reside en que se estudaron os efectos causados pola interacción conxunta de ambos os dous axentes.

MORTES PREMATURAS

Diversos estudos teñen abordado os efectos das partículas en suspensión “pois representan o compoñente máis daniño da contaminación do aire en Europa e estimouse que neste continente serían responsables de ao redor de 400.000 mortes prematuras ao ano”, sinalan. Neste senso, o impacto das partículas inhaladas podería favorecer enfermidades respiratorias, cardiovasculares, alén de ser recentemente consideradas como axentes canceríxenos pola Axencia de Investigación Internacional do Cancro.

Por outra banda, o uso xeneralizado de novas tecnoloxías e aplicacións sen fíos suscitou nas últimas décadas unha preocupación nas autoridades sanitarias no relativo aos posibles efectos na saúde dos campos electromagnéticos. “Existe unha forte evidencia de que a exposición prolongada ou a longo prazo a certas fontes electromagnéticas constitúe un factor de risco para certos tipos de cancro, así como unha posible causa de estrés oxidativo,  apoptose e dano do ADN celular”, apuntan. Este estudo que combina ambos os dous axentes ambientais a nivel celular podería axudar a entender un pouco máis a influencia da contaminación ambiental no desenvolvemento dalgunhas enfermidades.

Os resultados que se revelaron nesta investigación experimental indicaron que a radiofrecuencia aumentou drasticamente a toxicidade inducida polo carbón negro, o que supuxo unha modificación na resposta inmune dos  macrófagos, incrementando a resposta  inflamatoria, activando a  apoptose e acelerando a toxicidade celular. “Será necesario investigar no futuro o papel que ten na saúde a combinación de ambos os dous axentes ambientais en relación ás reaccións de  hipersensibilidade e trastornos  autoinmunes”, explican os científicos.

Esta investigación enmárcase dentro do proxecto ‘Determinación do nivel de concentración de partículas atmosféricas con antenas: método de monitoraxe para desenvolver unha estratexia de protección integral do cidadán’.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta