Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 21:30
Comezan as mobilizacións contra o novo plan forestal ultimado pola Xunta de Galicia. Logo de que o sector da madeia apremiara ao executivo de Feijóo para aprobar "nun breve prazo" a nova norma, o ecoloxismo galego --sumado a parte de movementos sociais como, por exemplo, o SLG-- vén de anunciar mobilizacións contra a nova norma por considerar que aumentará dinámicas negativas xa presente no campo galego.
Galicia Confidencial xa tratou en ocasións anteriores cales eran as implicación do novo plan forestal da Xunta de Galicia. Entre outras cuestións, a norma que o executivo de Feijóo prevé aprobar o próximo martes 23 de febreiro está acusada que querer aumentar a dimensión das plantacións de eucaliptais sobre territorio galego, unha circunstancia que xa foi rexeitada por Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia e o Grupo Lobo, entre outras asociacións.
Por esta razón, o movemento verde galego vén de anunciar unha concentración ante a Xunta para deixar clara a oposición de tales colectivos á nova norma, sobre a que pende unha sombra clara: o seu carácter "pirófito", segundo apuntou Adega semanas atrás. A mobilización programada para o vindeiro día 23, coincidirá así coa máis que probable aprobación da norma, atacada por donos de montes comunais ante a denuncia dunha vontade de "privatizar" tales extensións forestais.
SINATURAS
Á parte da mobilización presencial, que só poderá ter lugar se as restricións da Xunta así o permiten, a nova lei forestal da Xunta vén xa de recoller as primeiras reaccións da banda da sociedade civil. En poucos días recolléronse case 3.000 sinaturas na plataforma change.org para pedir que a norma non sexa aprobada. Á causa xa se adheriron ducias de plataformas do ecoloxismo galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.