Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 17:52
A dirección de Ciudadanos Galicia esixiu este venres que a deputada provincial Montserrat Lama, quen ata a semana representaba á formación laranxa na Deputación de Ourense, sexa considerada tránsfuga por "mercadear e secuestrar a acta do partido".
En concreto, Cs enviou un escrito á institución provincial solicitando que sexa considerada tránsfuga "para todos os efectos", tendo como base o Pacto Antitransfuguismo asinado xunto a PP, PSOE e Podemos, entre outros partidos, o pasado mes de novembro a nivel estatal.
Nunha rolda de prensa ofrecida este venres, a coordinadora de Cs Galicia, Beatriz Pino, aseverou que a "loita contra o transfuguismo non vai parar ata erradicar esa práctica de todas as institucións". Nas súas palabras, é algo "antidemocrático" que "non fai máis que alterar as maiorías expresadas pola cidadanía nas urnas".
Deste xeito, Pino asegurou que xa hai unha semana que esixiron que Montserrat Lama sexa "consecuente co que asinou" e deixe a súa acta, "tal e como se comprometeu na carta e código ético que se asume ao obter o cargo".
APLICACIÓN "INMEDIATA" DO PACTO
Ante a súa negativa, a dirección galega actuou formalmente ao solicitar por escrito á Deputación de Ourense que sexa considerada tránsfuga política e que se aplique "inmediatamente, rotundamente e de modo contundente" o Pacto Antitransfuguismo.
"Estamos convencidos e esperamos que o Partido Popular --que encabeza o goberno provincial-- sexa consecuente co asinado e non permita dar cobertura a un tránsfuga na súa formación", engadiu Beatriz Piñeiro. Esta petición producese un día despois de que Feijóo apoiara unha fusión entre o PP e Ciudadanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.