Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2021 | Actualizada ás 13:44
A Xunta espera que saia do comité de expertos que se reúne este luns unha flexibilización das restricións que deberá realizarse "con cautela" para "non estragar a boa tendencia" das cifras da pandemia alcanzada nos últimos días. "Igual que estabamos moi preocupados pola alza, agora temos que ser optimistas", manifestou o vicepresidente primeiro do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, nunha entrevista concedida na mañá deste domingo á Radio Galega e que foi recollida por Europa Press.
Cuestionado sobre a posibilidade de que o comité clínico que asesora á Xunta de luz verde a iniciar a desescalada, Alfonso Rueda mostrou o seu optimismo acerca de que, ante o descenso dos casos, a incidencia acumulada e a presión sobre os hospitais (que aínda presenta máis ocupación que na segunda onda); poida avanzarse cara a un escenario de flexibilización nas restricións que, como lembrou, están nun marco de máximos desde finais de xaneiro. Con todo, emprazou a actuar con "moita prudencia" e a confiar no traballo do comité clínico, que "sempre actuou" baixo criterios "obxectivos", polo que cre que se "as cifras empezan a mellorar", as decisións do órgano asesor da Xunta serán "en consecuencia" a esta tendencia.
DESESCALADA GRADUAL E POR ZONAS
Cuestionado sobre que modelo podería seguirse para a eventual desescalada, o 'dous' do Executivo galego apuntou que a evolución da pandemia é "boa" en termos xerais "pero non é igual en todas as zonas", o que lle levou a deslizar que a flexibilización de restricións podería adoptarse en función da situación de cada área.
"Verémolo mañá", comentou, tras apuntar que o comité clínico estuda a situación en cada un dos 313 municipios galegos que, desde finais de xaneiro, están pechados perimetralmente, un criterio que tamén podería sufrir cambios e encamiñarse a confinamentos globais máis amplos como se produciu en novembro. "A perimetraxe de termo municipal é a máis estrita que podamos ter. É lóxico pensar que a medida que imos mellorando, a perimetraxe se vaia estendendo, ata un certo límite", comentou o vicepresidente.
HOSTALARÍA
Sobre a hostalaría, pechada na súa totalidade desde hai case un mes, Rueda considera que "o razoable" tamén é "ir abrindo aos poucos" para non ter que "dar pasos atrás". Neste sentido, defendeu a utilidade do sistema proposto pola Xunta para controlar os aforamentos dos locais e mellorar a rastrexabilidade de brotes, que a Administración quere que se faga a través dun código 'QR'. "Entendemos que non é un sistema que se poida implantar de golpe de forma obrigatoria", matizou Rueda, quen, no entanto, apelou a "ir implantando aos poucos" esta ferramenta que se usa "a diario" e que "pode ser moi útil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.