Compostela Aberta pide someter a referendo a xestión da auga en Santiago

Critican o actual modelo indirecto, polo que unha mesma compañía privada leva explotando o servizo 50 anos. Por outro lado, Ciudadanos pide unha reforma do imposto de plusvalía municipal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2021 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

O grupo municipal de Compostela Aberta continúa o seu pulso co consistorio de Sánchez Bugallo polo modelo de xestión da auga na cidade. A formación, que en ocasións anteriores xa se postulou a prol de remunicipalizar o servizo da auga, propón ao consistorio que lance esta consulta popular no momento en que o goberno do PSOE ten que decidir se prolongar ou non a concesión a Viaqua.

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago
Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago

Segundo explican dende Compostela Aberta, a xestión da auga en Santiago de Compostela leva en mans dende a mesma compañía privada dende 1971. Aquagest, hoxe chamada Viaqua, foi conseguindo sucesivas prórrogas do seu contrato inicial en 1985, 1992 e 1998 ata chegar ao momento no que hoxe se atopa o consistorio: co acordo vencido dende maio de 2019.

Neste contexto, a formación compostelá advirte que Sánchez Bugallo “ten xa manifestado a súa vontade de manter o modelo de xestión indirecta” cun plan que implicaría manter privatizada a xestión da auga ata, polo menos, o ano 2046. Fronte a esta circunstancia, CA vén de instar ao consistorio a que “estude con detalle cal é o mellor modelo de xestión do ciclo integral da auga” antes de tomar unha decisión dese calibre. 

"EXTREMA DEPENDENCIA"

O chamamento de CA chega despois de que a plataforma criticara as prácticas da empresa concesionaria. Segundo a formación, a sucesión de contratos sostida nos últimos 50 anos deixa ao Concello de Santiago “nunha situación de extrema dependencia ao respecto da empresa concesionaria”, feito que se deixou mostrar nun procedemento para “evitar procesos de licitación pública necesarios” e outras cuestións criticadas polo partido. Ante estas circunstancias, piden a Bugallo que someta a consulta pública que modelo de xestión da auga prefiren os composteláns.

CIUDADANOS

Por outra banda, O coordinador de Ciudadanos en Santiago de Compostela, Miguel Fritiría, reclamou unha reforma do imposto de plusvalía municipal tras presentar unha proposta de moción para ser debatida polos grupos políticos municipais no próximo pleno municipal. Fritiría lembrou que desde Cidadáns tamén reclamaron o pasado mércores no Congreso unha reforma do Imposto sobre o Incremento do Valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU) tamén coñecido como plusvalía, para "evitar o inxusto pago de impostos ás vendas sen un real aumento do seu valor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta