Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 10:56
Compromiso militante, traballo de base, construción de poder popular e a suma de forzas en todos os espazos, "nomeadamente afortalando o BNG e a CIG desde posicións revolucionarias". Eses son os principias obxectivos do Movemento Arredista, unha nova ferramenta política para sumar forzas pola "ruptura democrática".
O domingo 28 de febreiro celebrouse a Asemblea Nacional Constituínte deste movemento que nace do proceso “Sumarmos forzas pola ruptura” lanzado en outubro de 2020. "Daquela faciamos unha convocatoria aberta á conformación dunha nova organización que consolidase no seo do soberanismo un novo referente organizativo desacomplexadamente independentista, que aposte polo socialismo e sexa consecuentemente feminista", indican desde un comunicado.
Movemento Arredista pretende reivindicarse como parte da traxectoria dos sectores máis soberanistas galegos, e está impulsdo polos sectores máis soberanistas da CIG e do BNG procedentes do Movemento Galego ao Socialismo --grupo que forma parte do Bloque-- e do que participaron algunhas persoas vinculadas no seu día tamén a Causa Galiza. Teñen coma obxectivo a creación dun estado galego independente. "Tras meses de análises colectivas e debates realizados a pesar das dificultades impostas pola xestión da crise sanitaria -con restricións á mobilidade e no uso de espazos de reunión-, culminamos un proceso de acumulación de forzas que nos permite encarar con entusiasmo o complexo momento político e social que vivimos", suliñan.
INDEPENDENTISMO
Movemento Arredista nace cunha concepción abertamente independentista pero ten en conta a situación socioeconómica actual, derivada da xestión neoliberal dunha crise sanitaria sen precedentes. "A pandemia evidenciou aínda máis as desigualdades sociais, a vulnerabilidade das persoas fronte ao capital e o lucro devastador deste sobre a vida de todas, todo isto incrementado pola nosa carencia de poder político como pobo", din.
Esta organización intervirá políticamente "dende posicións de clase, con vocación unitaria e apostando aquí e agora por un programa de ruptura independentista" que basee na mobilización e a construción popular o centro da súa acción política. Será unha organización de "carácter estratéxico, identificábel publicamente, con vocación e perspectiva revolucionaria e capacidade de orientación política para avanzar nese camiño".
Entre os seus obxectivos está formar cadros políticos, aposta por dar debates estratéxicos ademais de intervir politicamente no día a día e coordinar e organizar as forzas coas que intervirán social e politicamente. Ademais de buscar "a unidade de acción reforzando as organizacións de masas como o BNG e a CIG".
"Con ilusión encetamos este aposta política por erguer un espazo de transformación que se sustenta na democracia popular, na xustiza social e económica e no ecoloxismo, e entende a centralidade do feminismo como panca para unha transformación social radical", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.