Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2021 | Actualizada ás 21:29
Continúan as mobilizacións contra o modelo de implantación de enerxía eólica en Galicia. As derradeiras protestas dunhas xornadas cargadas de mobilizacións veñen de chegar da área de Corcoesto e Coristanco, concellos onde a veciñanza vén de volver a esixir a retirada “inmediata” de diversos proxectos eólicos supostas “irregularidades” na súa tramitación.
A denuncia da veciñanza --canalizada a través de Petón do Lobo, o Ouriol dos Anllóns e Cova Crea, así como a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e a Asociación Veciñal Río Lourido de Valenza-- vai parella a boa parte das protestas contra os procederes “ilegais” supostamente vencellados ao sector eólicos. E é que, segundo subliñan as asociacións, os proxectos Alto do Torreiro e Bustelo –Baralláns “son na realidade un único proxecto industrial que a empresa presenta fragmentado”.
Por que? Segundo destaca o movemento ecoloxista, a fragmentación “irregular” deste tipo de proxectos permite cumprir con maior facilidade un trámite indispensable para a construción dos parques: o informe de impacto ambiental. Este proceso consiste nunha análise dos efectos dos proxectos ideados sobre a súa contorna: no caso de que as instalacións se presenten separadas --sosteñen-- hai máis posibilidades de que o informe dea luz verde, xa que os efectos sobre o medio serán menores. Cando menos na teoría.
ACUSACIÓNS AO CONSELLEIRO
O prato forte das críticas destas asociacións ten por obxectivo ao Vicepresidente Segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación: Francisco Conde. O movemento ecoloxista e veciñal acusa ao cargo ‘popular’ de “amparar a tramitación fraudulenta destes parques eólicos”. Segundo destacan, ambos proxectos comparten infraestruturas básicas para o seu funcionamento; circunstancia que suma sombras á acusación de fragmentación artificial.
Petón do Lobo, o Ouriol dos Anllóns e Cova Crea esixen a paralización do proxecto tendo en conta as denuncias recollidas, ás que se suma unha suposta afectación “de cheo” sobre unha área de Especial Interese Paisaxístico; así como as propias molestias e danos aos que se verían sometidos os veciños da área, que poderían contar con aeroxeneradores “de preto de 200 metros de altura” a apenas medio quilómetro dos seus domicilios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.