Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2021 | Actualizada ás 17:54
A pandemia segue impactando no sector cultural galego, que viu como a porcentaxe de empresas culturais que acometeron algún despedimento no seu persoal subiu 3,5 puntos nos últimos seis meses. Con todo, ante unha crise que ten ás firmas de artes escénicas como as máis afectadas, tamén hai datos esperanzadores, por exemplo que a facturación caeu menos do previsto.
Así o reflicte o 'Barómetro da Cultura Galega II. Xaneiro de 2021' que fixo público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Este estudo ofrece unha radiografía do sector e compara cos primeiros resultados tras a primeira onda da crise sanitaria.
Este barómetro constata que a situación para o sector da cultura é dura, pero "menos dramática" --sostén o CCG-- do que o sector vaticinaba o verán pasado. Así o constatan as cifras que xorden dun estudo realizado en xaneiro e no que repetiron a súa participación 237 das 303 empresas que conformaron a mostra anterior, de xullo de 2020.
Así, a porcentaxe de empresas que está a traballar con normalidade, é dicir, sen aplicar ningunha medida específica, é do 34,9%, cando na primeira edición do estudo era só o 5,3% do total. Ademais, a caída da facturación é menor do que esperaban as compañías do sector.
En concreto, se en xullo de 2020 o 43% das empresas afirmaban que perderían máis da metade da facturación, os datos evidencian que só sucedeu no 29% dos casos. Outro indicador da paulatina adaptación á "nova normalidade" é o incremento de 10 puntos da porcentaxe de empresas que teñen os seus traballadores activos, é dicir, das que teñen entre o 76% e o 100% do seu persoal traballando.
Aínda así, no últimos seis meses incrementouse en 3,5 puntos a porcentaxe de empresas que acometeron algún despedimento de persoal (de 9,2% de xullo a 12,7% de xaneiro).
ARTES ESCÉNICAS
O informe analiza a situación por sectores e os indicadores relativos ás artes escénicas denotan a peor conxuntura: o cesamento de actividade afecta ao 38%, cando no resto dos sectores non pasa do 5,4%; o 22% das empresas das artes escénicas están en ERTE, mentres que o resto non supera o 14%,.
Son tamén as que en maior medida aplicaron expedientes de regulación temporal de emprego e, ademais, destacan na elección da modalidade de xornada completa (81,8%, porcentaxe que nos demais sectores non pasa do 55%).
As decisións laborais para facerlle fronte á pandemia foron o teletraballo (26,2%), o establecemento de quendas ou a modificación do horario laboral (25,5%) e a redución de actividade (21,5%). As tres medidas experimentaron unha notable diminución porcentual desde xullo, en especial o teletraballo e a redución de actividade.
Detrás está o ERTE, cun 14%. E, con respecto ao peche de actividade, que na primeira onda foi dun 61,4%, agora pasou ao 8%.
MEDIDAS PROPOSTAS POLO SECTOR
O barómetro tamén mide a valoración do sector sobre o apoio establecido polas diferentes administracións. Segundo os resultados, houbo unha baixada importante na apreciación das medidas tomadas pola Administración do Estado, algo menor na Administración autonómica. Só a local logra certa mellora (0,16 puntos máis), o que non evita que siga sendo a peor valorada.
A principal demanda do sector son as axudas directas ou as subvencións a fondo perdido, que creceron 10 puntos desde o pasado mes de xullo, ata situarse no 55,3%. A segunda medida máis solicitada é a supresión ou rebaixa de impostos e seguros sociais (cítana o 52,7%) e as axudas fiscais (o 44,7%).
Con porcentaxes por enriba do 30% atópanse medidas como a flexibilización e rapidez das axudas, o adiamento no pago de impostos e seguros sociais (36,7%, 10,1 puntos máis), o incremento do gasto público en produtos e servizos culturais (33,7%) e a reactivación canto antes dos circuítos de concertos e teatros (30%).
Esta última medida xunto co incremento das capacidades permitidas nas salas de concerto, teatros, e cinemas (24%) son as que experimentaron un maior aumento na súa mención desde xullo (16,4 e 17 puntos porcentuais máis que entón, respectivamente).
FUTURO INCERTO
O barómetro reflicte que o futuro se presenta incerto e a valoración é pesimista. Así, o 44,3% das empresas enquisadas son pesimistas sobre a evolución do seu negocio, pois consideran que a final de 2021 estarán peor que a comezos do ano 2020.
No emprego, o 17,3% das empresas da cultura galega contemplan a posibilidade de reducir o seu persoal nos próximos meses, porcentaxe practicamente idéntica ao plasmado en xullo.
A previsión de despedimentos é especialmente elevada entre as empresas do sector das artes escénicas, pois contemplan a posibilidade de prescindir de persoal nos próximos meses o 34,7%, valor que no sector de libros e prensa e no das artes visuais queda en ao redor do 15% e que no do audiovisual e multimedia non pasa do 5,4%.
A crise ten ten tamén repercusión sobre os investimentos. Deste xeito, o 56,3% das empresas do sector cultural galego manifestan que atrasaron (31%) ou descartaron (25,3%) os investimentos que previran realizar no seu negocio no ano 2020.
Esa porcentaxe é 7,5 puntos maior que a mostra en xullo do pasado ano, incremento que se debe ao maior número de empresas que descartaron estes investimentos (8,5 puntos máis). Tamén neste caso as compañías de artes escénicas son as que teñen as súas expectativas máis baixas.
Como a oportunidade que se pode presentar a raíz da crise do sector apúntase á aceleración na dixitalización. O impulso das medidas de conciliación da vida familiar e laboral, ou a colaboración interempresarial son algúns dos aspectos positivos que tamén se destacan desta crise.
DIRECTORIO DE MULLERES DA INDUSTRIA MUSICAL
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, presentaron este venres o primeiro directorio de mulleres da industria musical en Galicia que xa pode consultarse no sitio web www.descubreas.com.
Segundo explicaron, trátase dunha iniciativa que a plataforma 'Regalamúsica' leva a cabo da man da Deputación de Pontevedra para visibilizar ás mulleres da música, o fomento das redes colaborativas e romper coas discriminacións que tamén sofren neste ámbito. "Desde agora ninguén vai poder dicir que non atopa mulleres para contratar", dixo Carmela Silva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.