Entidades galegas e vascas denuncian o "centralismo" da LOMLOE e piden leis educativas propias

Semente fai un chamado ao Goberno galego para que acabe coas "políticas galegófobas" no ensino e no ámbito científico-técnico e siga as recomendacións do Consello da Europa

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2021 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Semente e Ikastolen Elkartea, as dúas entidades de educación popular máis importantes do País Vasco e Galicia, critican o "centralismo" da LOMLOE e reclaman "leis educativas propias".  Unha reclamación que fixeron nun acto conxunto realizado este sábado en Santiago no que presentaron as conclusións dun relatorio conxunto sobre os límites da nova lei educativa do Goberno español e no que apostan por  "sistemas educativos próprios, inovadores, equitativos e de qualidade".

Relatorio organizado por Semente e Ikastolen Elkartea en Santiago sobre educación
Relatorio organizado por Semente e Ikastolen Elkartea en Santiago sobre educación | Fonte: remitida

Santiago Quiroga, membro do Secretariado Nacional da Semente e Koldo Tellitu, Lehendakari de Ikastolen Elkartea, coincidiron en, aínda que a LOMLOE emenda e mellora a LOMCE, resulta insuficiente para a "construçom dos nossos sistemas educativos dumha perspectiva humanística, laica, científica e democrática".

Así, critican que a lei ten un "caracter eminentemente centralista", ao conservar o Estado español os elementos máis importantes para configurar os sistemas educativos galego e vasco. "Perdeu-se a oportunidade de aprofundar na democratizaçom da educaçom, promovendo a colaboraçom entre sociedade e Administraçom, levando em conta o modelo comunitário e sem fins lucrativos que as nossas entidades representam em ambas naçons", recolle o relatorio.

Por outra banda, denuncia que a LOMLOE non aposta por unha escola laica, como principioorientador para a construción dun sistema educativo baseado no coñecemento científico e na liberdade de consciencia.

 

ASPECTOS POSITIVOS

Con todo, destacan a incorporación da disposición trixésimo oitava que recoñece que os gobernos autonómicos poderán adoptar as medidas necesarias para que o alunado atinxa as plenas competencias comunicativas en ambos os idiomas, "permitindo afondar no modelo de imersom lingüística que Semente e as Ikastolas aplican". 

Por iso, a Semente fai un chamado ao Goberno galego para que acabe coas "políticas galegófobas" no ensino e no ámbito científico-técnico e siga as recomendacións do Consello da Europa e da comunidade científica internacional no sentido de aplicar un modelo de imersión lingüística no sistema educativo galego.

Tamén poñen en valor a "eliminaçom dos concertos aos centros que segregam por género, inercia oitocentista que atenta contra o princípio da coeducaçom e da igualdade". Finalmente consideran positivamente a declaración subscrita o 10 de febreiro polo Institut d'Estudis Catalans (IEC), a Real Academia Galega (RAG) e o Euskaltzaindia na que se aposta pola necesidade dunha presenza reforzada das tres linguas nos respetivos sistemas educativos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta