O BNG súmase ás denuncias contra a "falta de transparencia" dos proxectos eólicos da Xunta

A formación nacionalista esixe información sobre o parque proxectado a poucos quilómetros do centro de Celanova.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións contra o actual modelo de implantación de eólicos amparado pola Xunta de Galicia. Logo de varios meses marcados pola intensa actividade do movemento ecoloxista galego, o espectro político da comunidade --ou parte-- súmase ás demandas de maior transparencia a respecto duns plans eólicos que se multiplican sobre o territorio e que poderían medrar en aínda maior proporción grazas ás novas regulacións da Xunta.

Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY
Parque eólico de Naturgy na Pastoriza (Lugo). NATURGY

A vaga dos eólicos golpeou tempo atrás a área de Celanova, onde os veciños seguen con preocupación o anuncio da instalación dun polígono de aeroxeneradores no Monte da Neve. Ante a “inquedanza” que segundo o BNG se respira na localidade, o formación nacionalista vén de rexistrar unha moción na que insta ao goberno local "a informar á veciñanza de Celanova dos detalles do plan da empresa", así como do marco temporal dun proxecto "que compromete ás xeracións futuras".

O obxectivo da petición do BNG é poder “coñecer e responder aos posíbeis impactos ambientais, patrimoniais e paisaxísticos da instalación industrial” deste proxecto que leva a exposición pública dende o pasado 17 de febreiro. Segundo apuntan dende o grupo municipal do BNG, a formación xa demandara información ao alcalde o pasado 27 de xaneiro, pero este “apenas manifestou que lle pedira á empresa que os muíños non se visen desde a vila”.

"FALTA DE INFORMACIÓN"

Ante o que consideran unha “falta de información” na localidade, o BNG anuncia que se está a implicar para “achegarse aos axentes implicados no proxecto, obter información dos posíbeis impactos e considerar a resposta máis axeitada nun contexto en que os megaparques que provocan enormes pegadas medioambientais ou patrimoniais están sendo rexeitados en diferentes lugares do país”.  Por iso pide na súa moción que o Concello "convoque aos actores implicados, directa e indirectamente no proxecto, a charlas informativas abertas á cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta