Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 13:09
Anova esíxelle á Xunta de Galicia que paralice a tramitación do parque eólico Monte Chan, impulsado por EDP Renovables España S.L.U. nos concellos de Vimianzo e Laxe, pola súa afección paisaxística e ambiental.
Segundo o colectivo, a Xunta reitera a "práctica fraudulenta" de permitir a ubicación deste tipo de proxectos na contorna da Rede Natura, cando esta debería estar "protexida". Así, sosteñen que "no parque eólico Monte Chan, na paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a Xunta aplica a mesma sistemática de ocupar zonas que deberían estar nunha proposta de ampliación da Rede Natura".
Porén, defenden que en lugar de facer isto, "a ampliación está paralizada precisamente para favorecer a ubicación irregular de eólicos nestas zonas que deberían contar cun grao máximo de protección", declarou Antón Sánchez, voceiro de Anova.
PROXECTO
Este proxecto, no que se pretende ubicar un total de nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta, sitúase a escasa distancia das zonas protexidas ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte Norte, afectando directamente á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nunha das zonas de Galiza máis destacadas polo interese xeomorfolóxico das súas formacións graníticas.
Ademais, dende a asociación recordan que a finais de 2020, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referente ao parque eólico da Serra do Oribio xa advertira da posible interferencia para a ampliación da Rede Ecolóxica Europea ao planificar eólicos nos seus arbores.
Por isto, Anova demanda que se protexan espazos que, coma os Penedos de Pasarela e Traba, "deben preservarse para as xeracións vindeiras, motivo polo que a Xunta de Galicia debe poñerse do lado do interese público e deixar de estar do lado do interese privado duns poucos", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.