Por Xurxo Salgado | Celanova | 17/03/2021 | Actualizada ás 14:00
A Policía Local de Celanova non dá creto ao que lle pasou este luns. Ese día apareceu un home, vestido co uniforme regulamentario de Policía Local, que se presentou como novo policía local da Bola, un concello de pouco máis de 1.100 habitantes que nunca tivo unha persoa desempeñando esa función. Ata hai uns días.
O home, que chegou nun coche de Protección Civil, viña a presentarse e asegurou que viña recomendado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), o organismo da Xunta no que se forman os policías locais de Galicia. Roberto, o xefe da Policía Local de Celanova non lle dixo nada nese momento, pero sospeitou, e moito, do que estaba vendo e escoitando.
“Xa me chamou a atención que A Bola contratara a un policía local porque, para iso, ten que sacar unha oferta pública de emprego e logo, ademais, non levaba un número identificativo que todos os axentes levamos”, comenta en declaracións a Galicia Confidencial. Por iso, e antes a dúbidas que lle xerou, decidiu chamar á Agasp para confirmar se era certo. E alí confirmáronlle o que xa se temía, que todo era unha mentira e que estaba ante “un pequeno Nicolás policial”. E, había máis, esa mesma persoa xa se ofrecera a máis concellos de Galicia para tentar traballar como policía local. “Procedan inmediatamente ao seu arresto”, dixéronlle.
XA SE PRESENTARA TAMÉN ANTE A GARDA CIVIL
Roberto púxose entón en contacto inmediatamente co posto da Garda Civil de Celanova que é o que ten competencias de seguridade en toda a comarca. Alí o seu sarxento confirmoulle que, efectivamente, o falso policía local tamén se viñera presentar ao cuartel, pero que non lle deran máis importancia porque descoñecen os protocolos da policía local.
Pero, tras as advertencias dos axentes municipais de Celanova, a Garda Civil iniciou unha investigación e púxose en contacto, novamente, co falso policía. Dixo que el estaba facendo prácticas e que estaba contratado para tal función polo Concello do Bolo. Levaba tamén unha arma –ao que non está autorizado--, pero dixo que era de plástico.
CONVENCEU Á ALCALDESA
O “pequeno Nicolás policial” conseguiu convencer á alcaldesa da Bola, Teresa Barge, a quen se prestou para facer “prácticas gratis” e “facer puntos” para futuras oposicións policiais. O concello decidiu dalo de alta como voluntario de Protección Civil para que traballara tres días á semana, mercoulle o uniforme policial e deixoulle o coche de Protección Civil para as súas funcións, dado que non dispoñen de Policía Local.
Este mesmo martes foi chamado novamente a declarar no cuartel. Pode ser arrestado por “usurpación de funcións públicas”, tal e como recollo o artigo 402 do Código Penal. Polo momento, fontes da Comandancia da Garda Civil de Ourense confirman a Galicia Confidencial que “están facendo indagacións” e que este mesmo martes avanzarán as investigacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.