O Centro Galego de Arte Contemporánea presenta 'Accións peregrinas', da artista Pilar Albarracín

A mostra enmárcase no II edición do festival Plataforma e recollerá algunhas das instalacións máis paradigmáticas da artista.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 21:07

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) presentou este xoves, 25 de marzo, 'Accións peregrinas', unha mostra introspectiva que, dentro da II edición do festival Plataforma, exporá algunhas das obras máis destacadas de Pilar Albarracín.

A exposición foi presentada pola propia artista andaluza, Pilar Albarracín, "figura clave da arte contemporánea en España", e o comisario da mostra, Iñaki Martínez Mantelo, que estiveron acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

'Accións peregrinas', "un proxecto a medio camiño entre o instalativo e a performance", reunirá algunhas das instalacións paradigmáticas da artista, e incluirá vídeos, fotografías e documentación que, tal e como explicou o comisario da exposición, "permitirán mostrar o carácter político e antropolóxico da obra de Pilar, así como a parte máis lúdica e irónica das súas accións".

"Quixemos aproveitar a singularidade do propio CGAC, sobre todo o vestíbulo e o soto, para situar algunhas das instalacións máis recoñecidas de Pilar, responsable da renovación das linguaxes artísticas en España", explicou Martínez Montelo. Algúns destas montaxes serán 'Muro de geranios', 'Formiga' ou 'Teito de Ofrendas'.

COMPROMISO COA REALIDADE SOCIAL

Os presentes na inauguración da exposición tamén recalcaron a implicación da artista coa sociedade da súa época, "cun discurso moi orixinal, que utiliza o seu propio corpo para investigar e experimentar", e moi envorcada coa visibilización da muller e os dereitos 'trans', como xa demostrou na exposición 'Mulleres' de 1993, á que tamén se fai referencia en 'Accións peregrinas'.

Pola súa parte, a artista destacou que "a arte é un traballo, pero sobre todo é unha vocación. A través da arte pódense cambiar as cousas, pódense abrir camiños cara a un futuro diferente, con máis opcións e máis realistas. Para min a arte é símbolo de esperanza", apuntou Pilar Albarracín sobre a súa obra.

Neste sentido tamén se expresou o secretario xeral de Cultura, que subliñou "a clara reflexión sobre a realidade actual" na obra da artista andaluza, que ofrece ademais "elementos para meditar sobre un mundo, un futuro, un pouco mellor". 

A mostra, que poderá visitarse a partir do 26 de marzo ata o 6 de xuño, concluirá cunha performance, "unha acción peregrina" -'A pel do outro'- que xogará cos diferentes sentidos do termo. "Irá desde os movementos físicos a outros lugares, a idea da peregrinaxe, ata os desprazamentos internos das persoas", indicou Pilar Albarracín.

O comisario da mostra destacou ademais que esta performance contará coa participación de produtores locais como Anfaco, que ofrecerá latas de conservas galegas para unha obra que "tamén fala de ecoloxía, reciclaxe, exportacións e importacións".

Exposición de arte contemporánea no museo CGAC
Exposición de arte contemporánea no museo CGAC

Por último, Anxo Lorenzo aproveitou tamén para insistir en que "a cultura é segura" e para animar a todos o público a participar e a "implicarse nas accións culturais". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta