Un grupo de expertos descobre pinturas murais do século XV no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

O achado produciuse cando se retiraron armarios relicarios situados sobre as cadeiras do coro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O Centro de Conservación e Restauración San Martín descubriu pinturas murais datadas entre os séculos XV e XVI na igrexa do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín.

O achado produciuse ao retirar os armarios relicarios situados sobre as cadeiras do coro, deixando á vista unha pequena parte das pinturas de autor descoñecido. Isto foi posible dado que as paredes estaban cubertas de cal, fóra daquelas zonas onde se atopaban os relicarios.

O delegado episcopal de patrimonio do Bispado ourensán, Luís Manuel Cuña expuxo que, ao ver que detrás dos relicarios aparecía esa pintura, levou a pensar que "detrás das sillerías tamén habería algo", polo que pediron os permisos pertinentes á Xunta de Galicia para poder retiralas.

Así, realizáronse catro catas. No muro dereito, onde se realizaron tres delas, localizouse policromía orixinal baixo sete capas de cal de diferente grosor e cor. A través delas datouse o achado entre mediados do S.XV e principios de S.XVI aínda que, apuntan, "poderían ser precedentes". Ademais, realizouse outra cata nunha pintura intermedia cunha decoración de tons grises imitando un motivo floral.

No muro esquerdo realizouse outra cata, pero "foi de maior complexidade, posto que entre as sete capas de cal ata o orixinal, nesta zona a pintura descuberta está totalmente picada con maior ou menor incisión e profundidade" con "o fin de garantir o agarre dun morteiro groso que cobre as pinturas", explicou Vania López, directora do Centro de Conservación e Restauración San Martín

As escenas atopadas no presbiterio reflicten, a maior parte, momentos da vida relixiosa, destacando a cara dun home con tonsura, "posiblemente un frade", no muro dereito, e na parte oposta do coro unha pequena pomba con restos do que podería ser un marco arquitectónico.

PROCURA DE MECENAS

O delegado de Patrimonio do Bispado de Ourense, Luís Manuel Cuña, subliñou a importancia deste achado, asegurando que "son dunha gran riqueza porque hai moi poucos casos de pinturas murais na diocese de Ourense".

Neste sentido, trasladou que poden estar datadas no 1594 "aínda que probablemente sexan precedentes" posto que "aínda se están descubrindo moitas cousas". Ademais, afirmou que esta mesma mañá enviaron a solicitude a Patrimonio da Xunta de Galicia para recuperar e restaurar as pinturas.

A Xunta terá que aprobar a intervención da restauración para que se impulse a súa conservación como legado histórico da provincia, pero, ademais, Cuña precisou que sería necesario tamén un mecenas para poder levar adiante o proxecto.

"Unha empresa ou institución que queira unirse na conservación", destacou para, a continuación, apostilar que a Dirección Xeral de Patrimonio e a Xunta xa están a traballar neste edificio e "está en proxecto a sancristía e a antesacristía, pero é unha igrexa que necesita moito porque estivo moi abandonada" Este descubrimento ten lugar xusto despois do achado nos relicarios do nove aneis dos Bispos Santos enterrados no mosteiro.

Mosteiro de Santo Estebo de Ribas de Sil
Mosteiro de Santo Estebo de Ribas de Sil | Fonte: turismo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta