Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 20:12
A asociación animalista Libera denuncia o tiroteo mortal a un can no concello coruñés de Santa Comba, polo que ademais a súa familia interpuxo a correspondente denuncia ante a Garda Civil, segundo informa a asociación.
Este suceso, tal e como relata a organización, ocorreu o pasado venres 19 de marzo na parroquia de San Salvador e o animal, aínda que foi trasladado a unha clínica veterinaria, acabou morrendo.
Os profesionais que atenderon o can realizáronlle varias probas co obxectivo de que o informe fose trasladado á Garda Civil como proba dun posible delito de malos tratos animais con resultado de morte. Os autores poderían ser condenados a ata 18 meses de prisión e a ser inhabilitados para a tenencia, comercio e profesión relacionada con animais por un máximo de tres anos. A maiores, poderíaselles retirar a licenza de caza de forma temporal.
Por mor deste suceso en Santa Comba, Libera advirte sobre "a proliferación" de ataques a animais con armas de fogo, como os malos tratos a un gato que coidaba a comunidade escolar do CIP Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, que perderá un ollo por un disparo e debe recuperarse dunha fractura provocada por outro impacto.
Neste contexto, a asociación animalista tamén insta á Xunta a ter "un maior control" sobre os permisos de caza e de armas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.