Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 22:59
A Consellería de Sanidade defenderá no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) que se poida tomar o sol sen máscara como recolle a norma galega, que contempla que esta é obrigatoria nas praias excepto para bañarse ou permanecer tombado, algo que xa acontecía o pasado ano.
Así o conformaron fontes sanitarias consultadas por Europa Press, que sinalan que a Xunta de Galicia considera que debe prevalecer a normativa galega polo que tamén pide que a máscara sexa esixible durante a realización da práctica deportiva individual ao aire libre, como tamén se inclúe na norma autonómica.
Este mércores a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou que o Ministerio e as comunidades autónomas pactaron revisar a lei de 'nova normalidade', que establece o uso obrigatorio da máscara a pesar de poder manter a distancia de seguridade.
En rolda de prensa tras a reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), a ministra avanzou que se realizará unha revisión técnica desta medida para expor propostas na reunión do CISNS da semana que vén, co obxectivo de "homoxeneizar" a norma en todas as comunidades autónomas.
O texto da lei, publicada este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que entrou en vigor este mércores, recolle que se mantén, ata o fin da pandemia, a obrigación para as persoas a partir do seis anos de usar máscara na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, mesmo aínda que se manteña a distancia de seguridade de 1,5 metros.
En calquera caso, a máscara non será esixible para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
Ante a controversia que xerou a medida, Darias defendeu "ver se é posible, na marxe legal", realizar unha "armonización e contextualización" da norma que "permita ter unha marxe de actuación". En concreto, segundo a ministra, vaise a traballar "en elaborar uns criterios técnicos de aplicación da lei", dentro da marxe que deixe a norma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.