Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 13:50
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este xoves, día 8 de abril, ás 20,30 horas, o pleno municipal no que se elixirá ao novo alcalde tras a renuncia do socialista José Miñones polo seu nomeamento como novo delegado do Goberno.
O pasado día 29 de marzo o socialista José Miñones presentou a súa renuncia como rexedor da localidade --cargo que ocupaba desde 2015-- polo que se abriu un prazo de dez días para designar a unha nova persoa para ocupar o posto.
Nas municipais de 2019, os socialistas foron os máis votados neste concello coruñés ao conseguir oito concelleiros. Por detrás situáronse os populares, con seis edís; o BNG, con tres; Contigo Podemos, con dous; e Ames Novo, cun.
Tras estes comicios, os socialistas de Ames chegaron a un acordo de goberno co Bloque e Contigo Podemos, tras o que Miñones foi investido alcalde do goberno tripartito, un acordo que se prevé que se manteña a pesar da marcha de Miñones, tal e como sinalaron distintas fontes consultadas por Europa Press.
Ademais, a pasada semana, a executiva do PSOE de Ames acordou por aclamación que o actual portavoz municipal no Consistorio, Blas García --que concorreu como número tres da lista dos socialistas-- fose designado como candidato á Alcaldía de face ao pleno que se celebrará esta semana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.