Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/02/2025 | Actualizada ás 15:11
O xiro inesperado do PP no Congreso para apoiar, finalmente, o decreto Ómnibus, que rexeitara inicialmente xunto con Junts e Vox, colleu co pé cambiado aos baróns populares, entre eles, a Alfonso Rueda. O presidente galego apoiou esta nova postura dos populares pero lamentou que este decreto non inclúa as entregas a conta ás autonomías, como o anterior, que o seu propio partido non votou.
Rueda responsabilizou deste novo xiro ao PSOE e a Pedro Sánchez. "Pasou do decreto Ómnibus o decreto Minibus", dixo ao tempo que coinsiderou "acertado" este novo cambio xa que se aproban as revalorizacións das pensións ou descontos no transporte público. Para el, foi o presidente español o que cambiou de postura xa que é un "refén do independentismo" catalán.
Preguntado se non bota en falta unha chamada de Feijóo para consensuar unha postura común, Rueda dixo que o ex presidente da Xunta consulta aquilo que cre que ten que consultar. "O sentir xeral de todas as autonomías coñeceos e estou dacordo coas políticas que toma", engadiu.
INAUGURACIÓN AUTOVÍA SANTIAGO-LUGO
Por outra banda, tamén criticou a "coincidencia recorrente" de ministros do Goberno de Pedro Sánchez en Galicia os luns pola mañá, xornada na que se celebra o Consello da Xunta. Rueda pronunciouse deste xeito ao ser preguntado pola súa ausencia nos actos que este luns mantén en Galicia o ministro de Transportes, Óscar Puente, que asistiu á posta en servizo do tramo Palas de Rei-Melide da autovía A-54 Lugo-Santiago e visitou as obras de acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña. Nas visitas participaron a conselleira de Infraestruturas, María M. Allegue; e o de Presidencia, Diego Calvo, respectivamente.
Respecto diso, Rueda deixou claro que "non hai ningunha dúbida da corrección institucional da Xunta" e que el trata sempre de manter "sempre", pero sostivo que "o problema é esta afección do Goberno central a programar case todas as visitas dos ministros os luns", día no que se celebra o Consello da Xunta. "Debe ser para empezar con enerxía a semana", ironizou para sinalar que esta "coincidencia tan recorrente" impídelle que a mesma mañá na que se reúne o seu Executivo poida acudir a estes actos institucionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.