Por E.P. | A CORUÑA | 05/04/2021 | Actualizada ás 20:54
A Fundación Luís Seoane convocou aos membros do padroado a unha reunión extraordinaria este mércores, día 7, para analizar a situación creada por "as dúbidas da autoría dalgunhas obras de Luís Seoane" expostas nunha mostra celebrada no concello de Lalín o pasado ano.
Así se recolle na convocatoria, á que tivo acceso Europa Press, e na que se alude, en concreto, á exposición 'Creacións máxicas de medidas exactas. Maruja Mallo e Luís Seoane en Buenos Aires (1936-1965).
Sobre este asunto, fontes do goberno local argumentaron que xa se abordou en anteriores reunións e precisaron que nin o concello nin a Fundación organizaron a mostra, que se inaugurou no Museo Ramón María Aller, de Lalín, en xaneiro de 2020. Tratouse dunha exposición comisariada por Antón Castro e organizada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta. Nela, exhibíronse 43 obras, 18 de Maruja Mallo e 25 de Luís Seoane.
PETICIÓN DE EXPLICACIÓNS
En relación a esta cuestión, Marea Atlántica esixiu, á súa vez, explicacións á alcaldesa, Inés Rey, ao entender que se ocultou ao padroado "un informe que pon en dúbida a autenticidade de varias obras atribuídas ao artista", á vez que avanzou que pedirá explicacións a través do seu representante no citado padroado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.