Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/04/2021 | Actualizada ás 17:56
O sindicato CNT destacou que máis do 50 por cento das traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que se atopan en situación de "fraude de lei" apoiaron este martes a xornada de folga.
A organización lembra que se trata do cuarto día de paro no que vai de ano para o persoal que traballa na rede do Consorcio, que inclúe tanto a escolas infantís como fogares residenciais ou centros de día, entre outros.
Neste sentido, valorou "moi positivamente" a xornada de protestas cunha "importante participación en case a totalidade dos centros de traballo", agás naqueles nos que houbo "servizos mínimos abusivos".
Por iso insta á Xerencia do Consorcio a ofrecer os datos do persoal directamente afectado polas súas reclamacións e que "non se agoche tras os datos globais de seguimento", ademais da arrincar as negociacións para evitar un posible "despedimento masivo de mulleres".
A seguinte xornada de mobilizacións está prevista para o vindeiro martes 27 de abril.
A convocatoria busca denunciar a decisión da Xunta de impulsar unha oferta de emprego público sen solucionar previamente a situación daqueles traballadores que levan con contratos temporais durante máis dunha década, a quen se insta a demostrar méritos e capacidade a través deste proceso de cara a optar a unha praza fixa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.