A realidade actual en moitas vilas galegas: comercios de toda a vida que baixan as reixas para nunca volver levantalas

Dende o Galicia Confidencial falamos co director da Federación Galega de Comercio (FGC), José María Seijas, que aposta por relaxar os trámites burocráticos e dar incentivos aos máis novos para que se animen a tomar as rendas destes locais nos que garantir o relevo xeracional é fundamental para a súa subsistencia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/11/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Pasear hoxe en día polo casco histórico de pequenas vilas e cidades galegas, lonxe de ser un gusto para os sentidos polo gran valor arquitectónico e patrimonial das súas construcións, pode resultar ata un tanto deprimente. A realidade para moitos pequenos concellos que gozaron dun pasado glorioso pasa hoxe en día por ducias e ducias de baixos comerciais pechados. Os carteis de 'Alúgase', 'Traspásase', 'Véndese' ou 'Liquidación por xubilación' multiplícanse coma se non tivesen fin a cada ano que pasa. Comercios de toda a vida baixan as súas reixas para nunca volver levantalas, na maioría dos casos por falta de relevo xeracional, pois os mozos xa non están interesados en soster, perdendo cartos do seu propio peto, un negocio que xa non é rentable. Xunto a estes comercios tamén pechan bares e restaurantes, que, ao verse rodeados de rúas fantasma, sen xente, sen vida, tampouco poden subsistir. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos co director da Federación Galega de Comercio (FGC), José María Seijas, que nos dá o seu punto de vista sobre un asunto que verdadeiramente preocupa aos empresarios galegos.

Arquivo - Un cartel de 'alúgase', a 28 de decembro de 2022, en Madrid (España). O real decreto de axudas económicas para facer fronte á subida dos prezos prorroga a subida máxima do 2% dos alugueres de vivenda ata o 31 de decembro d. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un cartel de 'alúgase', a 28 de decembro de 2022, en Madrid (España). O real decreto de axudas económicas para facer fronte á subida dos prezos prorroga a subida máxima do 2% dos alugueres de vivenda ata o 31 de decembro d. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

"Tanto a nivel galego como do resto de España en xeral estamos vendo que hai moitos comercios de toda a vida que non atopan relevo xeracional", asegura Seijas, que advirte de que "a maioría dos comerciantes que quedan á fronte de negocios locais son, na súa maioría, persoas que están chegando á idade de xubilación ou que mesmo están nela". Pola contra, "a xente nova prefire outro tipo de traballos ao comercio", xa que, na súa opinión, "non hai dúbida de que un comercio é algo que che ten moi préso, cuns horarios moi amplos de apertura e con obrigas económicas e legais que hai que abordar". Así as cousas, concede que a realidade actual pasa precisamente porque, "chegado o momento da xubilación dos seus propietarios actuais", moitos negocios teñen que pechar. Fronte a isto, o presidente da FGC asegura que "hai toda una serie de iniciativas dende as diferentes administracións que tratan de incentivar ese relevo xeracional nos negocios de toda a vida, pero vemos que non son efectivas ao 100 % e que non rematan de convencer".

"HOXE EN DÍA, APARTE DA TENDA FÍSICA DE TODA A VIDA E DOS ESCAPARATES, UN COMERCIANTE TEN QUE TER A SÚA PÁXINA NAS REDES" 

Seijas aposta entón por "buscar outro sistema para recuperar o comercio, non tanto a través das iniciativas actuais, senón dunha maneira máis sinxela". Apunta, por exemplo, a "que no momento de realizarse un traspaso se lle dean á persoa que vai asumir a xestión do comercio axudas concretas, axudas ás que lle sea fácil acceder, sen grandes requisitos". Para el "seguramente isto sería algo que animaría á xente a tomar o relevo dalgúns comercios". Pola contra, "a día de hoxe calquera persoa que queira coller un comercio xa aberto ten que realizar toda unha serie de trámites burocráticos que fan que non lle compense", porque "a xente nova non está por ese labor, quere facilidades". Por outra banda, de cara á xente que se anima a abrir un novo negocio, Seijas aposta por "apoiala dalgunha maneira, dándolles os alicientes precisos para que lles compense e poidan animar a outros novos comerciantes a emprender". 

Hoxe en día tamén é frecuente entrar en calquera comercio local e atoparse tras o mostrador cunha persoa de avanzada idade. Isto acontece especialmente nas vilas e concellos máis pequenos, onde a idade media dos veciños xa é moi avanzada, pois a pouca xente nova dos lugares acaba mudándose ás cidades e onde a natalidade vai en decrecemento ano tras ano. Así, o avellentamento poboacional, segundo expón Seijas, "naturalmente pode influír no peche de comercios", pois os propietarios vanse xubilando, pero insiste en que "o verdadeiramente preocupante é que non se atopa xente nova preparada que queira traballar no comercio". Ademais, tamén confesa que "precisamente pola idade dos propietarios de moitos locais, xa próximos á xubilación, atopamos tamén moitos comercios un tanto abandonados, que quedaron atrasados e non se adaptaron aos novos tempos". O presidente da FGC pon o exemplo da presenza na rede, xa que "actualmente un comerciante, aparte da tenda física de toda a vida e dos seus escaparates, ten que estar tamén subido ás redes, para poder ensinar e vender os seus produtos 'online', e aínda quedan moitos comercios en vilas máis pequenas que están moi atrasados nese sentido", o que obrigaría á mocidade que queira asumir o seu mando "a realizar un importante investimento e unha reforma integral do sistema de vendas".

"AS MARXES DE BENEFICIO PARA OS COMERCIANTES XA SON MOI AXUSTADAS E O CONSUMIDOR ACOSTUMOUSE A MERCAR CON DESCONTOS"

"Onde hai comercio hai vida", asevera Seijas, que lembra que en Galicia "hai cidades como Lugo ou pequenas vilas de interior que teñen pouquiña industria e que viven en grande medida do comercio, subsisten dos beneficios que lles dá o comercio". E é que, dende o seu punto de vista, "non cabe dúbida de que o do comercio é un sector que inflúe moito no PIB e na xeración de emprego", e, polo tanto, "onde pecha o comercio desaparece a vida". "En pequenas vilas e cidades onde o non hai comercio ou o que hai é residual, ás tres da tarde pechan as oficinas, pechan os bancos e todo queda morto", exemplifica o presidente da FCG, que considera que, precisamente para evitar iso, "sería bo que dende os concellos busquen solucións para que o comercio tradicional siga presente e non desapareza das súas rúas, adaptando tamén as zonas para atraer a xente tanto a mercar como a abrir portas, demostrando que é factible poder sacar adiante un negocio local". Ademais, o comercio tamén forma un tándem indisoluble coa hostalaría: "Entre comercio e hostalaría existe unha sinerxia que beneficia a uns e a outros". Onde hai comercio hai bares e bares que funcionan máis e mellor.

Aparte da falta do relevo xeracional, non hai dúbida de que outro dos grandes problemas do comercio local chegou a raíz da introdución de grandes superficies comerciais que concentraban franquicias e importantes marcas internacionais que ofrecían produtos que competían directamente co comercio tradicional, e con prezos máis baratos. E algo que sufriron durante moitos anos as pequenas tendas 'de barrio', están agora a sufrilo nas súas propias carnes esas grandes superficies, pois os xigantes 'low cost' aterraron nos últimos dous anos por todo o alto en Galicia: marcas como Pepco, Active, Primaprix ou Teddy's chegaron para abrir simultaneamente tendas e tendas en diversas vilas e cidades galegas, con prezos moi baixos, imbatibles sobre todo para o comercio local, pero tamén para as grandes cadeas que ata agora coñeciamos. Para Seijas, "evidentemente, este é un modelo de negocio que, dende logo, non nos favorece, nin a nós nin ás grandes superficies tampouco", porque "as marxes de beneficio para os comerciantes xa son moi axustadas" e "o consumidor acostumouse a mercar con descontos".

"AS INICIATIVAS DE REBAIXA TEÑEN QUE CHEGAR A PARTIR DE COLABORACIÓNS COA XUNTA E O RESTO DE INSTITUCIÓNS, CON BONOS E SORTEOS, POR EXEMPLO"

Como evidencia o presidente da FCG, "para os comerciantes nestes momentos o poder realizar descontos sobre os seus produtos é inasumible, porque non teñen marxe, polo que as iniciativas de rebaixa teñen que vir por parte de colaboracións coa Xunta e o resto das institucións". En concreto, Seijas asegura que "dende a Federación, en colaboración con diversas institucións, estamos implantando bonos de desconto e sorteos, entre outras propostas, que permiten dinamizar o comercio, especialmente en determinadas épocas do ano en que a actividade cae". Bonos Activa Comercio, Bonos Corazón, Bonos Quérote... "Cada un chámalle dunha maneira, dependendo do concello e da institución que os apoie e financie, pero en verdade todos teñen a mesma finalidade: incentivar a compra no comercio local". Aínda que, para Seijas, córrese o risco de "caer en facer sempre o mesmo e que, por repetitivo, a xente se canse e deixe de funcionar", de tal maneira que aposta por "buscar variedade na implantación de propostas, para que estas sigan sendo atractivas e non perdan efectividade".

De cara a este final de ano, Seijas augura que, como acontece todos os anos, as vendas no comercio local se incrementarán notablemente, coa campaña do Nadal e o máis recentemente implantado tamén no comercio tradicional 'Black Friday'. "Polo de agora non se pode dicir que esteamos facendo grandes facturacións, pero si se está mantendo o acadado nos últimos meses, e agardamos que o final de ano sexa moi bo a nivel de facturación, coa vista posta nas grandes campañas de Reis e Nadal", explica o comerciante. De feito, son moitos os locais que xa están decorando os seus escaparates con motivos propios destas datas, algo que para Seijas, "non inventaron os propietarios dos negocios de toda a vida, senón que nos veu imposto polas grandes superficies e nós tivemos que sumarnos ao carro para poder subsistir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta