Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/04/2021 | Actualizada ás 14:39
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores a decisión de prorrogar o peche perimetral de Galicia, unha decisión que se sostivo, especialmente, ante a situación doutras comunidades que xa están na "cuarta onda" e debido á incidencia media española, moi por enriba da galega. Por contra, co asesoramento do comité clínico, decidiuse atrasar o toque de queda ás 23 horas, unha medida que veu acompañada de novidades para a hostalaría.
As decisións adoptadas tras a reunión do comité clínico habitual dos martes veñen xustificados pola situación epidemiolóxica de Galicia que, en termos comparativos ao 18 de marzo, cando comezou o alivio de restricións, sitúase igual ou algo inferior.
Feijóo defendeu que Galicia esperou o tempo "necesario" entre o final da Semana Santa e a decisión de aliviar un pouco máis as restricións, especialmente, no que ten que ver coa hostalaría.
A situación epidemiolóxica sitúa Galicia cunha incidencia inferior nun 89 por cento en relación ao que chegou a ter no pico da pandemia. Galicia conta con máis de 114.000 persoas inmunizadas, 2.256 casos activos en domicilios e a cifra de falecidos ascende a 2.670.
A incidencia galega sitúase en 41,86 caos por 100.000 habitantes a sete días e a 77,6 a 14, fronte á media estatal de 196,2.
A ocupación hospitalaria en camas UCI é de 3,13, fronte ao 21,5; mentres que en hospitalización convencional é a máis baixa de España, cun 2,2 por cento fronte á 7,96 da media nacional.
Feijóo destacou, así mesmo, que Galicia é a "segunda" comunidade con menor taxa de positividade, o que significa que aínda que ten unha porcentaxe de poboación "vulnerable", soubo "salvagardala de contaxios".
COMPARANDO CON ANTES DE NADAL
Na súa exposición, fixo unha comparativa fronte ao 3 de decembro, cando comezou a desescalada que levou ao Nadal. A 4 de decembro, Galicia tiña unha incidencia a sete días de 87 casos, e agora é de 42, mentres que os datos de España son 101 e 109, respectivamente.
A 14 días, Galicia tiña 204 o 4 de decembro e hoxe son 77, mentres que en España son 241 e 196 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente. Galicia ten 2.400 casos activos en total, fronte aos 7.136 de 4 de decembro.
A comparativa fronte hai un mes é "practicamente idéntica", cunha incidencia a sete días de 40 e agora de 42; mentres que a 14 días era de 78 e agora sitúase en 77 casos.
"TENDENTE Á ESTABILIZACIÓN"
Feijóo destacou a "situación boa, tendente á estabilización". "Cremos que debemos avanzar na apertura progresiva, puntual e proporcional" de acordo co 'libro' que lles guiou ata agora.
Feijóo tamén celebrou a "concatenación de acertos" que se produciron nas últimas semanas coas decisións tomadas e observou maior "responsabilidade" xeral e individual, así como en concreto no ámbito da hostalaría.
As medidas adóptanse, dixo, despois de observar todos os factores a favor e en contra. En canto ao peche perimetral, xustificou a medida porque "a cuarta onda é xa unha realidade" noutras comunidades autónomas, algunhas cercadas a Galicia, o cal "preocupa".
A incidencia a sete días pasou de 61 a 112 na media estatal e a 14 días de 128 a 199, polo que manifestou a necesidade de preservar a situación na Comunidade galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.