Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2021 | Actualizada ás 11:29
A CIG valorou este martes a decisión da Audiencia Provincial da Coruña de anular a sentenza absolutoria a un ex-xefe de planta do Corte Inglés acusado de acoso sexual e laboral por unha empregada, aínda que lamentou que haxa que repetir o xuízo. En concreto, a sección sexta da Audiencia fixo público este luns un fallo no que anula a absolución e obriga a repetir a vista pero con outro maxistrado, dado que aprecia no maxistrado do Penal número 1 de Santiago que xulgou a causa unha valoración "errónea" da proba practicada.
Nun comunicado, a CIG asegurou que a sentenza absolutoria era "un auténtico esperpento", xa que "non tiña nin pés nin cabeza que se recoñecesen o feitos pero se acabase absolvendo ao acusado". Con todo, o sindicato lamenta que sexa necesario repetir o xuízo. "A vítima e as súas compañeiras terán que pasar novamente por ese trauma".
A anulación do fallo baséase, argumenta a Audiencia, no feito de que a sentenza orixinal recoñece como feitos probados "unha serie de condutas de carácter sexual (como son as insinuacións e comentarios de contido sexual, exhibicións no teléfono móbil de material de natureza sexual, tocamentos en pernas e cintura e proposicións de manter relacións sexuai.), algunhas reiteradas no tempo" cara á empregada. Con todo, considera que isto --en contra de informes como o do Imelga-- non produciu a suficiente afectación na vítima e o ambiente non foi "o suficientemente hostil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.