Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2021 | Actualizada ás 18:50
A Confederación Anpas Galegas solicita unha reunión co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para tentar frear a modificación do calendario escolar prevista a partir do próximo curso e iniciar un debate amplo coas familias e o alumnado, sobre todo ante a proposta de adiantar a xuño os exames de recuperación de setembro.
A entidade critica que se pretenda introducir "un cambio de grandísimo calado" sen abordalo previamente coas familias e co alumnado e lamenta que o encontro mantido co secretario xeral de Educación, José Luís Mira Lema, limitouse a unha reunión "informativa de feitos consumados" e sen intención de diálogo.
"Pedíusenos un voto de confianza a unha decisión da que non se deron explicacións nin sabemos como se fraguou nin con que intencións", advirten, a pesar de que as familias non están de acordo "nin no que se pretende facer nin moito menos do modo de facelo", engaden.
Anpas Galegas insistiu en que están dispostas a canalizar este rexeitamento "nas rúas e nas escolas, nos centros educativos e entre as familias", aínda que solicitan un encontro con Rodríguez para tentar "iniciar de novo o debate e negociación" do calendario coa participación dos implicados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.