Por E.P. | LUGO | 27/04/2021 | Actualizada ás 17:53
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, desprazouse este martes a Lugo, onde asinou senllos convenios con Alar Galicia e Aliade Ultreia para axudar, por unha banda, na rehabilitación de agresores menores de idade e, por outra, facilitar o acollemento de vítimas de trata con fins de explotación sexual.
O primeiro dos convenios asinados, na sede de Alar Galicia, permitirá dar continuidade por segundo ano consecutivo ao Proxecto Fénix, que traballa na prevención e intervención cos menores que exercen violencia de xénero contra as súas parellas ou exparellas e con aqueles que manifesten condutas machistas na súa contorna. Ata agora, esta iniciativa permitiu atender a 33 menores.
Na firma, Lorenzana puxo en valor a alianza da Xunta con esta entidade, representada polo seu director, Fernando González, cun convenio que permitirá seguir atendendo a "vítimas ás veces esquecidas e que lamentablemente ven moi afectadas pola violencia de xénero", explicou a conselleira, que se referiu a a vulnerabilidade deste colectivo "dada a súa idade temperá e fase de desenvolvemento como persoas".
O programa -que forma parte das medidas activadas en Galicia no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero- contará cunha inxección de 25.000 euros da Xunta. Ten como ámbito de actuación toda Galicia e atenderá con prioridade a menores con cargos penais que exercen ou exerceron a violencia de xénero, así como a intervención en centros de menores e nos Centros de Intervención Educativa en Medios Abertos (Ciemas).
VÍTIMAS DE TRATA
Por outra banda, a conselleira de Emprego formalizou tamén outro convenio co presidente de Aliade-Ultreia, Manuel Varela. Por terceiro ano consecutivo, realízase unha achega de 35.000 euros para o funcionamento do dispositivo de acollida para a atención de mulleres vítimas de explotación sexual e trata na cidade de Lugo. O pasado, ano este recurso atendeu a sete mulleres e dous menores.
Grazas a esta axuda, Aliade-Ultreia manterá o dispositivo en funcionamento para prestar un servizo de apoio, acollida e recuperación das mulleres vítimas de explotación sexual e de trata, facilitando aloxamento e acceso á atención educativa, psicolóxica, social, formativa e laboral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.