Un modelo matemático para prever a incidencia da covid ou frear o cambio climático

A Rede Española Matemática-Industria, presidida por unha galega, lanza unha nova plataforma para impulsar o peso das matemáticas no I+D+i.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Novo paso adiante dende Galicia para continuar impulsando a carreira de I+D+i. A Red Española Matemática-Industria, cuxa presidenta é a galega Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago vén de constituír a Plataforma Española de Tecnoloxías de Modelización, Simulación e Optimización nunha Contorna Dixital ( PET  MSO-ED).

Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago
Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago | Fonte: Red Española Matemática-Industria

Esta nova plataforma, financiada na convocatoria de axudas ás Plataformas Tecnolóxicas e de Innovación do Goberno central, nace co obxectivo de se constituír como un crisol no que as iniciativas pública e privada converxan co obxectivo de impulsar o desenvolvemento matemático no tocante a unha serie de eidos técnicos e científicos entre os cales se atopa, por exemplo, a sanidade.  

E é que a plataforma, apuntan dende a entidade fundadora “busca incrementar o uso das tecnoloxías matemáticas na industria, para avanzar cara a unha Industria Conectada 4.0 e cara a unha Industria Dixital 5.0”. Engaden, neste aspecto, que a proposta está dirixida “de maneira particular” a tres grandes retos da sociedade dentro do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2017-2020. En todos eles as matemáticas proporcionan ferramentas cun gran potencial e que poden xogar un papel relevante para resolver retos industriais.

LOITA CONTRA A COVID

No campo da saúde, por exemplo, a modelización da interacción entre os fármacos e os receptores celulares permite realizar a selección virtual de miles de candidatos a fármacos. Como resultado, as empresas farmacéuticas poden reducir o número de ensaios encimáticos custosos e os tempos de comercialización de novos medicamentos. 

“Ademais”, apuntan dende a plataforma, “a propagación de epidemias (como a actual enfermidade do Coronavirus) pode ser estudada mediante modelos matemáticos para axudar a unha toma de decisións sanitarias e económicas máis eficiente a partir de modelos preditivos da súa evolución”. As aplicacións destes modelos matemáticos poderían ir tamén orientados, por exemplo, ao reto reto de conseguir unha enerxía segura, eficiente e limpa, xa que “estas ferramentas matemáticas permiten estudar aspectos importantes como a resposta á demanda, a transmisión de enerxía ou a xeración distribuída”; así como á grande dificultade de mitigar o cambio climático. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta