Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 29/04/2021 | Actualizada ás 16:48
Un veciño de Carril, en Vilagarcía, atopou hai décadas unha ánfora da época romana, un achado na illa de Cortegada que gardou ata que en 2014 decidiu entregala ao Parque Nacional. Agora, unha colaboración entre esta entidade e a Universidade de Vigo permitiu a identificación "con precisión" desta peza e a súa documentación.
Trátase dunha ánfora de tipo Dressel 2-4, un dos máis comúns producidos ao longo de todo o Mediterráneo desde o século I a.C. ata finais do século I d.C. A peza conserva a parte superior completa, pescozo e boca, pero non as asas.
O traballo dos investigadores, explica a Consellería de Medio Ambiente, permitiu determinar que a peza recuperada en Cortegada foi fabricada nun taller oleiro do norte de África, no actual sur de Tunes e oeste de Libia, e que se usaría, probablemente, para transportar viño africano, como "demostra o interior resinado que aínda conserva".
Trátase da primeira ánfora deste tipo fabricada en África e documentada en territorio galego, na que as pezas deste tipo máis habituais son as producidas no golfo de Nápoles e que servían para exportar o famoso viño de Campania.
Cabe destacar que a identificación nestes casos adoita ser difícil, non tanto á hora de determinar a tipoloxía, senón máis ben o seu lugar de produción, dado que a pasta cerámica da que están feitas adoita ser moi modificada tras pasar séculos mergulladas no océano.
No caso concreto da ánfora localizada preto de Cortegada, con todo, púidose establecer con seguridade o tipo e lugar de procedencia, datos moi importantes para reconstruír a ruta comercial e o produto que chegou ás costas galegas na época romana.
POSIBLE NAUFRAXIO
Os científicos explican que este importante achado, realizado hai décadas pero que non se puido identificar ata agora, reforzan a importancia de Cortegada na época romana, algo que impulsou varias actuacións arqueolóxicas, especialmente, na contorna de Punta Fradiño, ao noroeste da illa.
O obxectivo sempre foi localizar un posible pecio romano afundido na zona e de cuxo cargamento se foron recuperando durante anos ánforas e outras cerámicas por parte de pescadores, mergulladores e tamén ao abrigo de varias intervencións arqueolóxicas, como a levada a cabo nos anos 80 polo Museo de Pontevedra e a Comandancia Militar de Mariña de Vilargacía, cuxos achados se atopan depositados no Museo Provincial de Pontevedra.
A pesar de non localizarse restos do navío, a cantidade de ánforas completas e a homoxeneidade cronolóxica das pezas recuperadas apuntan á posibilidade "real" dun naufraxio romano datado no século I d.C., unha cronoloxía similar á doutro pecio romano galego localizado na zona de Cabo de Mar, na ría de Vigo.
ÁNFORA AFRICANA
A ánfora africana Dressel 2-4 reforza esta hipótese ao contar cunha cronoloxía que se enmarca perfectamente na que se tiña para o resto de ánforas.
Ademais, mostra unha imaxe máis precisa do cargamento, no que se combinan diversos produtos (viños, aceites, salgaduras...) de diferentes zonas do Mediterráneo e do Atlántico.
Así, o máis probable é que este barco partise dun porto do sur de Hispania, cargado con produtos principalmente desta rexión pero con outros procedentes de zonas máis afastadas, que chegarían ao sur da península a través dalgunha das rutas marítimas do Mediterráneo.
Con todo, as investigacións apuntan que, entre todos os materiais recuperados na zona de Cortegada, existen tamén pezas que non se encadran nestas datas, polo que os científicos sinalan que hai que pensar que, ademais dun posible naufraxio, a contorna da illa tamén se empregou como zona de desembarco das actividades comerciais que se levaban a cabo na ría Arousa na antigüidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.