"Se non xorden novos sustos, nin variantes, a perspectiva vai cambiar"

O director de Atención Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Pedro J. Marcos, cre que o plan de vacinación vai ser efectivo e ve, a curto prazo, "un panorama distinto".

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 30/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A vacinación cambiará a actual situación da Covid. Así o cre o director de Atención Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Pedro J. Marcos, que manifestou que a curto e medio prazo ve un "panorama distinto" da  covid como consecuencia dos programas de vacinación.

Unha das UCIs do CHUAC
Unha das UCIs do CHUAC | Fonte: Remitida.

Marcos fixo estas declaracións ao programa de radio de  EFEsalud, "El  Bisturí", dentro do proxecto desta canle para 2021, no que semanalmente fala co hospital dunha provincia española sobre como viviron e viven a pandemia.

O sanitario lembra como comezou a pandemia na Coruña. O primeiro paciente de covid chegou a primeiros de marzo de 2020 ao CHUAC. "No hospital creamos un equipo de traballo e calculamos escenarios a mediados de febreiro do ano pasado, aínda que aí podiamos ver lonxe o novo virus, pero logo fíxose realidade. Definimos circuítos de urxencias, plans de expansión, necesidades, camas,  ucis...", explica.

Neste sentido, recoñece que "faltou material", aínda que "foron optimizando" co que había. Así, destaca que o CHUA ampliou os pedidos de equipos de protección e  respiradores e centralizou a súa distribución xa en febreiro de 2020, o que facilitou que non houbese escaseza naquelas áreas onde eran máis necesarios, engade.

E QUE PASOU CO RESTO DE PATOLOXÍAS

Marcos tamén admite que a covid provocou un descenso da actividade hospitalaria que non tiña que ver coa pandemia. "Os pacientes na primeira onda deixaron de vir polo pánico xeneralizado. Lamentablemente deixaron de acudir e diminuíu a demanda de atención doutras patoloxías, pero puidémolas atender ben", lembra.

VACINACIÓN

Con todo, destaca que a situación agora está normalizada e ve o futuro con "optimismo" especialmente, pola vacinación. "A curto e medio prazo, vexo un panorama distinto. Trátase de que non morra xente e os hospitais non se colapsen por atender e desenvolver unha actividade normal, que é a atención de todos os pacientes", recoñece.

 

"Se non xorden novos sustos, nin variantes que afecten as vacinas, a perspectiva vai cambiar", indica ao tempo que destaca a necesidade de seguir investigando. De feito, o hospital coruñés participou en ensaios clínicos para estudar o uso na  covid de fármacos destinados a outras enfermidades, como a malaria, por exemplo.

"Aproximámonos á investigación desde o principio -expón Marcos- e esa plataforma de investigación clínica deunos información útil nas diferentes ondas do virus e para o futuro", recoñece.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta