A Xunta pide ao Goberno central que garanta o peche perimetral de Galicia na fronteira portuguesa

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, remite unha carta ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 30/04/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, remitiu unha carta ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para pedir que as autoridades españolas garantan os controis na fronteira con Portugal, tendo en conta que se decidiu levantar os límites de circulación internacionais pero a Xunta ten decretado o peche perimetral, agás para viaxes xustificadas.

Fronteira da Ponte Internacional Tui-Valença cortada ao paso
Fronteira da Ponte Internacional Tui-Valença cortada ao paso | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press.

Na misiva, da que se enviou copia ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Xunta lembra que "se atopan en vigor as limitacións de entrada e saída do territorio" nas comunidades, agás para aqueles xustificados que se produzan por algún dos motivos que se recollen no Real Decreto 926/2020, de 25 de outubro, e de acordo con el, no Decreto 45/2021, de 17 de marzo, ditado polo presidente da Xunta de Galicia, na condición de autoridade competente delegada para os efectos do estado de alarma.

Así, o Executivo autonómico solicita "a máxima colaboración desa administración" para os efectos de asegurar o cumprimento da medida decretada pola Xunta, isto é, a limitación de saír e entrar en territorio da comunidade. "E que, por tanto, os desprazamentos pola fronteira se axusten á regulación establecida nas indicadas normas", sinala a misiva.

Desta maneira, a Xunta reclama ao Goberno central que manteña os controis aos cidadáns na fronteira para que os desprazamentos que se realicen sexan polos motivos xustificados que recollen os decretos autonómicos, como son, por exemplo, os motivos de traballo ou sanitarios.

A carta remitida por Rueda alude, ademais, que Galicia "se decatou polos medios de comunicación da reapertura da fronteira terrestre con Portugal" a partir deste sábado, de forma que a partir das 00,00 horas do 1 de maio todos os pasos "quedarán abertos e España eliminará tamén os seus controis", constata.

CRÍTICAS DA AECT

Pola súa banda, a AECT Río Miño, entidade transfronteiriza na que participa a Deputación de Pontevedra, considera que a postura da Xunta de interpretar que o peche perimetral limita a mobilidade a causas xustificadas supón "pór máis paus nas rodas".

Así o indicou o vicedirector da agrupación territorial, Uxío Benítez, que lembra á Xunta que "non ten competencias nin poder de decisión sobre as fronteiras exteriores" e que, por tanto, "non pode impor ordes sobre a mobilidade argumentando o seu peche perimetral autonómico".

"Se iso fose así estariamos ante o paradoxo dun territorio con dúas fronteiras simultáneas, unha autonómica e outra estatal", apostilou Benítez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta