'Ons', 'Nación', 'Xan'... Esta é a programación da Filmoteca de Galicia para maio

Continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados 'Fóra se serie' e 'Desencadres', así como a 'Filmoteca Júnior'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A programación de maio da Filmoteca de Galicia centrarase nos galardoados durante os Premios Mestre Mateo deste ano, ademais dos novos ciclos 'Esenciais: Eric Rohmer' e 'Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas'. Ademais, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados 'Fóra se serie' e 'Desencadres', así como a 'Filmoteca Júnior'.

O 19 de maio proxectarase 'Ons', de Alfonso Zarauza, merecedor de nove recoñecementos nos Mestre Mateo e entre eles o de mellor película. O día 20 exhibirase de novo 'Nación', de Margarita Ledo Andión, premiado como mellor documental.

O sábado 21 será a quenda de 'Xan de Comadres', de Noemí Chantada, e de 'Carne', de Camila Kater, gañadoras como mellor curtametraxe de imaxe real e de animación, respectivamente. Nesta mesma xornada poderá verse a galardoada como mellor webserie, 'Xan', de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.

Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.

Pola súa banda, o ciclo 'Esenciais: Eric Rohmer' ofrece oito títulos do cineasta e crítico francés restaurados con motivo do centenario do que foi o máis antigo membro da Nouvelle Vague e editor da publicación Cahiers du Cinema, entre elas 'A miña noite con Maud' ou 'O xeonllo de Clara'.

Así mesmo, o ciclo 'Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas' representa a primeira mostra integral das películas en Super-8 do cineasta francés, con cinco filmes nos que asimilou con radicalidade as propiedades do formato para imprimir unha sensualidade ascética á filmación, a sonorización e a ensamblaxe dos seus cartuchos Kodachrome.

XIX edición dos Premios Mestre Mateo, no Teatro Colón da Coruña.. CONCELLO DA CORUÑA
XIX edición dos Premios Mestre Mateo, no Teatro Colón da Coruña.. CONCELLO DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta