Colectivos ferroláns reclaman que a casa de Carvalho Calero sexa destinada a usos culturais

Nun manifesto reclámase ao goberno municipal que preside Ángel Mato (PSOE) que "conte co tecido asociativo da cidade á hora de definir os usos da casa natal do autor e filólogo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

Varios colectivos de Ferrol elaboraron un manifesto no que reclaman que a casa natal de Ricardo Carvalho Calero, nestes momentos en ruínas e situada no barrio de Ferrol Vello, só se destine a uso culturais, solicitando para iso que o proxecto de restauración só contemple esa posibilidade.

Así se manifestaron no mediodía deste luns, 3 de maio, representantes da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación de veciños de Ferrol Vello ou a Fundaçom Artábria, ademais do BNG, nunha comparecencia ante os medios de comunicación no Concello de Ferrol.

Nese manifesto reclámase ao goberno municipal que preside Ángel Mato (PSOE) que "conte co tecido asociativo da cidade á hora de definir os usos da casa natal de Carvalho Calero", e inciden en que "este proxecto de rehabilitación ten que ter como elemento vertebrador os usos de tipo culturais".

CONSULTA

O secretario da Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Antonio Casal, destacou que "o importante deste manifesto é abrir o debate e definir un plan de usos que fagan o proxecto viable, para revitalizar o barrio e dignificar a memoria de Carvalho Calero", ao mesmo tempo que estimou que para materializar o proxecto de rehabilitación "deberían de ser consultados os veciños do barrio e as entidades que levan anos traballando e reivindicado a memoria de Carvalho Calero".

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, que compareceu cos representantes destas entidades, solicitou que "os usos sexan culturais, que as alternativas existentes teñen que ser discutidas e debatidas con todos aqueles colectivos e entidades que durante tantos anos levan reivindicando a figura deste intelectual".

A iso engade que a rehabilitación da zona "ten que desenvolverse de maneira inmediata, contando cunha dotación económica nos próximos orzamentos municipais e ten que ser un compromiso firme da actual corporación municipal", detallou.

Integrantes de varios colectivos durante a presentación do manifesto en defensa da casa natal de Carvalho Calero en Ferrol.
Integrantes de varios colectivos durante a presentación do manifesto en defensa da casa natal de Carvalho Calero en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta