Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 05/05/2021 | Actualizada ás 12:20
O grupo Molecular Pathology of Rare Diseases, pertencente ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e dirixido por Jesús Requena, participará nun consorcio internacional formando parte da misión espacial Axiom, que se desenvolverá a comezos de 2022 na Estación Espacial Internacional. O equipo traballa en dilucidar a estrutura dunhas moléculas altamente infecciosas que están detrás de enfermidades neurodexenerativas letais ou de encefalopatías esponxiformes transmisibles.
A investigación espacial pode converterse nunha vía para os avances biomédicos e, segundo apunta o investigador da USC, Jesús Requena, "levar ao espazo exterior na Estación Espacial Internacional o que aínda non se logrou na Terra ofrécenos oportunidades inmensas para avanzar no deseño racional de fármacos máis efectivos e dirixidos".
Co experimento ZePrion, que leva acabo o equipo da USC, comprobarán se, en ausencia de gravidade é posible obter probas con potencial farmacolóxico a partir da proteína priónica, unha proteína precursora dos prións, moléculas altamente infecciosas. A investigación ofrece un horizonte esperanzador non só neste campo senón para o desenvolvemento de fármacos en xeral.
“O noso obxectivo é dilucidar a estrutura dos prións PrPSc que, na nosa opinión,
teñen a clave para comprender como se propagan e deseñar racionalmente os
fármacos para combatelos”, apunta Jesús Requena. Os prións causan enfermidades neurodexenerativas letais, facéndose famosos durante a crise europea da enfermidade das vacas. O grupo da USC ve na misión Axiom novas posibilidades de investigación no campo desas moléculas, no que traballan dende hai anos.
A misión Axiom é a primeira de carácter privado na historia da exploración espacial, e nela intégrase a misión israelí Rakia, que dá soporte ao experiemnto do grupo da USC e na que tamén participan a Universidade de Tel Aviv, a empresa SpacePharma, a Israel Creutzfedt-Jakob Foundation e o Instituto CIBIO da universidade italaina de Trento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.