Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 14:47
O Concello de Pontevedra pechou un preacordo económico verbal para a adquisición do convento de Santa Clara, que ascendería a uns 3,2 millóns de euros. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que o Goberno local "ten encarrilada a compra" do inmoble, que incluiría as edificacións, zonas verdes e muro perimetral pero non bens e elementos como retablos ou o órgano, cuxo destino aínda está a ser obxecto de negociación.
"Este é un dos anuncios que máis orgulloso me fai sentir como alcalde porque traballamos pola cidade, polo ben común, pola conservación do patrimonio e melloramos os equipamentos para os pontevedreses e pontevedresas", sinalou, para considerar que unha operación "desta envergadura só a pode levar a cabo un goberno con experiencia, estabilidade e solvencia".
Lores tamén asegurou que a congregación das Clarisas e a Igrexa "están moi ilusionadas de que o convento pase a mans públicas e quede para uso e goce da cidade de Pontevedra".
O alcalde cualificou a compra de Santa Clara como "unha grande operación urbanística á altura da que puido ser a mediados do ano 1800, da man de Alejandro Sesmeros, cando incorporou a Alameda e as Palmeiras á trama urbana".
Fernández Lores explicou que o proceso administrativo arrincará "nestes días e poderá ter unha duración duns meses" e insistiu en que "é un acordo moi bo para Pontevedra", aínda que "a negociación foi dura e firme polas dúas partes".
O Goberno local comezará a traballar nun estudo en profundidade, tanto topográfico como taquimétrico e histórico-arqueolóxico que das claves sobre a futura dedicación deste equipamento.
"Ten que ser público, ao servizo dos pontevedreses, e non descartamos negociacións con outras administracións, especialmente coa Deputación provincial", engadiu o alcalde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.