Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 13:25
A deputada do BNG no Parlamento galego Noa Presas cualificou de "novo chiringuito de Feijóo" a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratégios de Galicia, constituída pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para impulsar iniciativas empresariais tractoras cos fondos europeos.
Fíxoo durante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos que se celebrou este venres e na que, a instancias dunha pregunta presentada por esta formación, o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, defendeu a participación deste tres empresas nesta iniciativa para o "apoio financeiro" aos proxectos e a presenza de "empresas transversais" vinculadas "á dinámica verde e sustentable".
O director xeral do Igape pronunciouse sobre esta cuestión ao cuestionar a deputada do BNG a forma en que se impulsou esta sociedade. "Escollida a dedo, sen criterios de transparencia e será quen decida o futuro deste país", lamentou nunha intervención moi crítica co Goberno galego.
"A Xunta vai renunciar a planear o futuro deste país e deixa en mans privadas o destino dos fondos europeos", sentenciou tamén. Ademais, reprochou que "os alicerces do novo chiringuito do señor Feijóo" sexan Abanca, Reganosa e Sogama. "O capitalismo verde", apostilou sobre esta última.
Fronte a estas críticas, o director xeral do Igape defendeu que esa iniciativa busca que os proxectos que se acollan a estes fondos "non queden sen impulsar". "Avaliaranse os proxectos de acordo co seu impacto na cadea de valor", resumiu. Na súa intervención, fixo referencia aos bloques nos que se distribúen os distintos proxectos e xustificou, ante as críticas do BNG por que non coñezan toda a listaxe de empresas, a necesidade de garantir a "confidencialidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.